Despois desta nova vaga de lumes aínda cheira a chamusquina especialmente cando se escoita aos representantes da nosa Administración falando do acontecido.
“Non todo son árbores”
O Presidente da Xunta de Galicia informou de que nas zonas afectadas: “non todo son árbores”, “máis do 60% é mato”, “hay una parte importante de pedras”. Declaracións moi pouco afortunadas cando moitas persoas sufren perdas irreparables e coas que, ademáis, evidénciase o escaso coñecemento do noso patrimonio natural e dos valores ambientais das matogueiras (e os rochedos) moitas delas hábitats de interese comunitario, ou incluso de conservación prioritaria, protexidas pola normativa vixente e que son competencia da Comunidade autónoma de Galicia. Estes hábitats ignorados polo Presidente acubillan unha gran variedade de especies de flora e fauna endémicas e/ou ameazadas.


Primeira visita: un TECOR
A Conselleira de Medio Ambiente, fixo a súa primeira aparición pública visitanto o terreo queimado dun TECOR informando de que a Xunta poría ao dispor dos afectados axudas para recuperar terreos e hábitats cinexéticos así como diferentes tipos de infraestruturas de uso público localizadas dentro da Rede Galega de espacios protexidos. Nin unha mención á situación dos espazos protexidos, nin esbozar as primeiras medidas de restauración de hábitats, nin propor actuacións para axudar á fauna silvestre, nin lembrar a normativa de limitación de uso de zonas queimadas, nin apuntar a posibilidade de adoptar outras medidas extraordinarias para a periferia das zonas máis afectadas, … nada que indique que todos eses outros asuntos tamén entran no ámbito das súas competencias.

“Fuegos técnicos”
Na súa comparecencia no Parlamento, o Presidente informou que se poderá actuar en Rede Natura “mediante fuegos técnicos entre abril e xuño (ahora dín entre marzo e maio) para reducir os riscos de focos no verán, ademáis de elevar do 20 ao 30% a superficie que se podrá desbrozar e do 5 ao 10% o máximo no que se poderán facer queimas”. Plantexar estas actuacións drásticas e xenéricas, especialmente có uso do lume, nos poucos espacios protexidos galegos na época máis crítica para as especies, coincidindo có período de repouso invernal e de inicio do período de reprodución é unha proposta irresponsable, contraria aos obxectivos de conservación e volve a evidenciar o escaso interese polos espacios protexidos que son competencia da Comunidade autónoma de Galicia.
Lobos e lumes
Pola súa banda, a Conselleira de Medio Ambiente tamén dixo no Parlamento que “Os cabalos, vacas e ovellas soltos nos montes axudan a limpalos e protexelos fronte aos incendios pero os lobos que se alimentan deles contrarrestan ese efecto”. A teima deste goberno de Galicia có lobo ven de lonxe pero considerar ao lobo cuasi como incendiario porque se come aos herbívoros domésticos que “limpan” o monte de vexetación, é unha auténtica aberración. Igual a Conselleira non avaliou completamente o alcance das súas palabras e non se percatou de que coas actividades cinexéticas tamén se eliminan os herbívoros silvestres que tamén axudan a “limpar” o monte, xa que logo, dentro das súas competencias tamén debera intervir limitando as actividades cinexéticas para protexer o monte fronte aos incendios.


De medio a cero
En resumen, un cúmulo de despropósitos dende o punto de vista ambiental que amosan que a Xunta, que debera velar e garantir a conservación do noso “Medio”, está “de perfil” en materia ambiental levándonos a pensar que o máis acertado vai ser falar da Consellería de “CERO Ambiente” porque o de “Medio” venlle excesivamente grande.
