Unha xornada completa para celebrar o día dos humidais (07/02/2026)
Unha vez máis quedou ben claro que aos da SGHN gústanos a auga e non nos deixamos arredar polo “mal tempo” e a chuvia, que nos trae esa auga tan necesaria para manter as zonas húmidas. Eso sí, o tempo foi por momentos desapacible con forte vento, auganeve e chaparróns intensos que aconsellaron reducir o tempo das diferentes paradas e limitaron o acceso sinxelo a algúns puntos do percorrido.
Albiscando Antela
Visita inevitable o entorno do Castelo de Pena para albiscar parte do que antano foi a lagoa de Antela cunha grande extensión cuberta pola auga ocupando as terras agrícolas ¡e deixando algunhas “illas” con naves e granxas totalmente rodeadas pola auga! Os que nunca antes viran esta imaxe, que se repite periódicamente, quedaron abraiados pola extensión da enchente da chaira limiá.








Na Pedra do Arangaño
Chegados ata a Pedra do Arangaño entre Perrelos e Cortegada fomos que de ollar unha curiosa roca á que se lle atribúen poderes curativos contra o “mal do arangaño” que padecían algúns nenos. Según conta a tradición levábanse ós nenos ante a pedra do Arangaño e debían pasar por debaixo dela, por un pequeno oco existente entre esta e outra rocha na que se apoia, queimando despois a roupa que levaban ou colgándoa das árbores. E aínda hoxe se poden ver prendas de tea colgadas nas árbores … cousa que non deixa de sorprendernos.




O nacemento do Limia
Moitas, moitas veces nos achegamos ata A Limia para traballar ou celebrar esta data especial pero ata este ano nunca se incluira no programa a visita ao nacemento do río Limia. Fálase moito do nacemento do río Limia e moitos o sitúan en diferentes puntos da contorna, pero os datos oficiais dín que o río Limia nace no Monte Talariño preto de Paradiña e nese punto está colocado un monolito conmemorativo. O sitio está preto dos 1.000 m snm e eso deixoise notar ben, así cunha temperatura de 3ºC, cun forte vento e auganeve achegámonos ata o pequeno manancial permanente que brota da terra e que se aproveita a modo de fonte no muro de peche da finca inferior, dende ahí o río descende collendo caudal atravesando o concello de Sarreaus.


A veiga de Gomareite
Xa na Veiga de Gomareite pensabamos ter un tempo algo mellor pero non foi así, a choiva e o forte vento, non facilitaban o tempo de observación dos patos que alí se atopaban así que collemos cara a canle de Antela para ver de preto o alcance da enchente que a primeira hora viramos a vista de paxaro dende a torre de Pena: realmente impresiona a extensión que ocupa a auga cubrindo moitos predios e mesmo ocupando puntualmente algunhas pistas.


Antes do xantar tivemos ocasión de coñecer algo máis sobre os solos e o seu comportamento ante a auga, sobre todo en relación coa presencia de turbas e o contido en carbono, condicións relevantes na evolución das parcelas nos vindeiros meses: unha vez baixe o nivel da auga as parcelas do “corazón” de Antela tardarán moito máis en secar que as das zonas periféricas e a accesibilidade para o seu laboreo e posta en produción vaise retrasar máis.
Planta de “biometano” NON
Xa pola tarde avanzamos cara á zona onde se pretende a instalación da planta de “biofertilizantes de Xunqueira” ou o que é o mismo a planta de “biometano de Xunqueira”. A zona, lindeira coa ZEPA da Limia é, cando menos, pouco acaída para albergar unha instalación industrial, empezando pola dificultade do acceso para o tráfico pesado a través dunha pista de terra, máxime cando incluso case unha vez por semana tería que acceder un camión cisterna cun cargamento de ácido sulfúrico cun risco importante de contaminación en caso de accidente ao situarse en terreo areoso e na cabeceira dunha das canles de desauge da Lagoa.
Si a pista de entrada polo Oeste era algo dificultosa, as cunetas dalgunhas pistas da zona Sur leste estaban puntualmente desbordadas e mesmo o acceso a esa zona da parcela só era posible con botas de goma e non todos os participantes puideron achegarse a ver de preto o lugar de instalación da planta situado nun espazo de matogueiras húmidas con presenza do hábitat de interesse prioritario “4020 Uceiras húmidas atlánticas”. Só con achegarse ata este punto e sin ter grandes coñecementos, semella un lugar moi pouco axeitado para facer o que se pretende, agora queda ver cal será a resolución da administración e seguir divulgando a problemática deste tipo de grandes instalacións especialmente en zonas non industriais.




Como punto final da xornada visitouse unha das parcelas alugadas pola SGHN ao banco de Terras de Galicia, parcela de 2,5 ha situada a escasos 500 metros da parcela onde se pretende a instalación da planta de biometano e comentar un pouco o labor de custodia do territorio e a campaña “apadriña unha parcela” coa que SGHN- Sección Antela leva en marcha dende 2014. Temos un total de 84 predios alugados que acadan algo máis de 38 ha repartidas pola chaira limiá e que teñen distintas potencialidades dende hábitats de conservación prioritaro ata fincas agrícolas e gandeiras, sendo madriñas ou padriños podedes axudar a súa conservación.
En resumo unha xornada moi intensa na que destaca o compromiso e apoio de moitas persoas, moitas grazas aos que a fixeron posible e a todos os participantes
