Por Celaguantes, coa súa asociación sociocultural

Aproveitando o convite da asociación sociocultural de Celaguantes, o 28/09/2025 organizouse esta actividade de achegamento a unha zona pouco coñecida do concello da Peroxa: a parroquia de Celaguantes.

A xornada empezou cunha viaxe imaxinaria ao pasado máis remoto coa que se reflexionou sobre o cambio do noso planeta e a “recente” irrupción da especie humana na terra. A presenza da especie humana ao longo dos tempos foi transformando o entorno á medida das necesidades do ser humano, por exemplo coa domesticación de especies ou fomentando a implantación e expansión dunhas en detrimento doutras. Neste punto voltamos a vista ao entorno inmediato poñendo o punto de atención nos cambios ocorridos nos últimos anos que quedan ben patentes cando se compara a foto aérea do voo americano, onde se aprecian as terras labradas, cunha foto recente na que o avance do arboredo é importante.

Rematada esta primeira parte empeza o roteiro dende a antiga casa do cura, hoxe sede da Asociación, pasando pola beira da igrexa e da casona anexa que, tal como nos indican, debeu ser nalgún momento un pequeno mosteiro. A construcción está en mal estado pero debeu ser un edificio magnífico provisto de todo o necesario: cortes, adegas e pombar.

O camiño discorre maiormente entre arboredo que empeza a amosar a chegada do outono e permite comentar cuestións diversas: diferencias entre especies, presenza de bugallas diferentes, observación dalgunhas aves, … e mesmo resolver algunhas dúbidas de alcance: ¿qué pasa có musgo?, ¿qué pasa coas piñas?, …

A ruta é circular pero tanto parar aquí e alí para falar e comentar que decidimos dar volta para xantar á hora prevista no local da asociación e seguir falando e intercambiando opinións e experiencias durante a sobremesa. E case quedamos comprometidos para facer toda a ruta e visitar outros lugares desta parte pouco coñecida da nosa provincia.

Moitas grazas á Asociación e a todos os participantes, ata a vindeira.

  • Divulga ti tamén!