Xa imos pola IV Edición da xeira estival de bolboretas diurnas baixo a dirección do compañeiro Xose Lois da Sección de Entomoloxía da SGHN e a colaboración doutros consocios que dispoñen dos permisos administrativos correspondentes e os coñecementos axeitados para recoller e manipular bolboretas e outros insectos.
Despois dunha semana de calor intenso en Ourense a previsión para o 19/07/2025 era de descenso das temperaturas con posibilidade de choivas lixeiras. Según avanzaba a semana as previsións foron confirmándose e comprobándose a primeira hora da mañá do sábado.
Como ben sabemos as temperaturas baixas acompañadas de vento non son as condicións idóneas para as bolboretas pero chegado o día tocaba “bolborotear” e tentar sacar o mellor partido posible á xornada, empezando por disfrutar da viaxe ata o punto de encontro. A estrada dende Leboeiro ata Chandrexa atravesa esas, cada vez máis escasas, paisaxes tradicionais agrogandeiras que lembran un pasado que vai esmorecendo pero non sin resistencia, alomenos nestes pobos onde se manteñen as actividades gandeiras en extensivo.






No punto de encontro, agardando a incorporación dos participantes, hai tempo para os primeiros intercambios de ideas, experiencias e observacións, charlas que se prolongan mentres se preparan os equipos de traballo, algunha que outra guía de campo e as fichas coa selección das especies máis habituais.



Na área recreativa onde quedaron os coches realizarónse as primeiras capturas e empezou a camiñada pola pista ao longo da beira do río atentos aos vóos dos insectos e tamén das libélulas, sen esquecer a busca de hérpetos.



O camiño resultou cómodo de facer tanto por ser prácticamente chairo como porque a temperatura era agradable e a paisaxe bonita nunha zona que, como algún lembra, ata hai uns anos non había case árbores na marxe do río e as ladeiras estaban case sempre carbonizadas polo efecto dos lumes recurrentes na serra.



Entre captura e captura as horas pasaron voando tanto é así que, chegados a metade do itinerario previsto, decidiuse voltar ó punto de partida considerando que a progresión da nubosidade e a baixada de temperaturas presaxiaban o cambio de tempo anunciado.


Visita ao mosteiro de Montederramo
Despois de xantar, visto o cambio do tempo e o resultado da mostraxe matinal, acordouse mudar de plan para ir a tomar algo quente a Montederramo pero, o que son as cousas, ao final non houbo tempo para tomar nada pois aproveitouse a ocasión que nos brindou o guía do Mosteiro de Montederramo para coñecer e disfrutar tamén do noso rico patrimonio cultural.



A xornada deuse por rematada despois de visitar ó conxunto relixioso de Marrubio e ás chairas da contorna aproveitando para planificar outras visitas e actividades coas que afondar no coñecemento deste espazo natural e cultural.



De novo, outra grata xornada de aprendizaxe grazas ao traballo dos compañeiros aos que, por cuarto ano consecutivo, temos que dar as grazas. Grazas tamén a todos os participantes polo seu comportamento e implicación, e agora toca repasar e fixar conceptos para o ano que ven.

