Declaración conxunta das organizacións ambientalistas representadas no COGAMADS

ADEGA, FEG e SGHN -as organizacións ambientalistas representadas no COGAMADS- acordamos retomar a nosa participación neste organismo consultivo após de 3 anos. O motivo da nosa ausencia foi a reiterada actitude obstrucionista e antidemocrática da Presidencia que impedíu debater propostas ecoloxistas relativas á planificación eólica e ao encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. Incumpriuse deste xeito o mandato do Decreto 74/2006 que crea e regula o COGAMADS, que ten entre as súas funcións (art. 2) “canalizar demandas e propostas relativas a sustentabilidade, procedentes de asociacións e institucións no ámbito da comunidade autónoma” así como “servir de canle de participación e diálogo permanente entre os interlocutores sociais”.

En troques de diálogo recibimos desprezo, forzando ás nosas entidades a acudir, como último recurso, á vía xudicial para tentar mitigar os efectos dunha planificación eólica caduca e insustentábel. Os tribunais refrendaron en repetidas ocasións os nosos argumentos, con sentenzas e medidas cautelares de paralización de máis de 90 proxectos, que sinalan a deficiente tramitación ambiental realizada pola Consellería de Medio Ambiente e deixan en evidencia as eivas da actual planificación eólica.

Coa nosa volta a este Consello, non podemos tamén deixar de sinalar o especial significado e transcendencia de dous recentes pronunciamentos xudiciais, ao abeiro de senllas demandas interpostas por entidades ecoloxistas. Trátase por unha banda, da sentenza da Sección 2ª da Sala do contencioso administrativo do TSXG que declara a nulidade parcial da Orde que aprobaba a Estratexia galega de infraestrutura verde. Dita sentenza obriga á Xunta, en aplicación do principio de non regresión en materia ambiental, a recuperar a protección dun territorio coincidente coa parcela pretendida por Altri, que fora retirada de xeito ilegal pola consellaría. O máis grave é que o Tribunal indicou no seu fallo que a administración non achegou ningunha motivación para esta desprotección, feito o que considerou “estrano e contraditorio”.

Por outra banda, a sala 2ª deste mesmo Tribunal Superior galego vén de desestimar a solicitude da Xunta de retirar a medida cautelar que no seu momento suspendeu, por denuncia das ecoloxistas, as batidas de lobos pretendidas por Medio Ambiente en varios concellos galegos. Nesta ocasión, o máis relevante é que o Alto Tribunal chamou a atención sobre que a Xunta non aportou ningún dato científico ou informes de campo para apoiar a súa petición, e que a baseou unicamente en recortes de prensa.

Estes recentes pronunciamentos xudiciais evidencian non só o desprezo da Consellaría de Medio Ambiente pola lexislación ambiental e os procedementos administrativos legalmente previstos para a toma de decisións, senón tamén unha preocupante falla de criterio que abeira o acientifismo. Tal proceder, que se traduce tamén na continua modificación á baixa das normas de protección ambiental, é o que realmente está creando inseguridade xurídica con consecuencias negativas tanto para a protección ambiental como para un desenvolvemento económico respectuoso coa sustentabilidade. 

Son eses comportamentos trumpistas, desautorizados e postos repetidamente en evidencia nos contundentes autos e sentenzas xudiciais, os que nos move ás organizacións ambientalistas representadas no COGAMADS a solicitar a dimisión da máxima responsábel da Consellaría de de Medio Ambiente.

  • Divulga ti tamén!