Asociación de Amigos de La Janda, Asociación de Naturalistas Palentinos e SGHN
AEMS-Ríos con vida, AGADEN, ANDALUS, Ecologistas en Acción, Fundación Savia, Greenpeace, Iniciativa Natura, Red Andaluza Nueva Cultura del Agua e SEO/BirdLife
No Día Mundial da Auga, as organizacións ecoloxistas e conservacionistas reivindican a necesidade de recuperar o patrimonio natural das lagoas de Antela (Ourense), La Nava (Palencia) e La Janda (Cádiz). O recoñecemento da personalidade xurídica dos humidais é unha ferramenta útil para a defensa e a restauración dos valores destes ecosistemas.
Para avanzar na protección de Antela, La Nava e A Janda, o luns 23 de marzo celebrarase a xornada “Aposta polo recoñecemento da personalidade xurídica das tres grandes lagoas ibéricas” no Congreso dos Deputados.



As ameazas que poñen en risco a supervivencia da lagoa de Antela, La Nava e La Janda esixen a posta en marcha de todas as medidas posibles para recuperar e ampliar estes ecosistemas de gran valor ecolóxico. O recoñecemento da personalidade xurídica dos ecosistemas é unha ferramenta útil para a protección dos humidais e hai un antecedente que crea unha senda pola que seguir camiñando. O gran traballo realizado por persoas da academia, organizacións sociais e ecoloxistas e xuristas conseguiu o fito xurídico de transformar o Mar Menor nun “suxeito de dereitos” que poden ser defendidos nos tribunais.
Co fin de lograr que as tres grandes lagoas ibéricas poidan ser recoñecidas como suxeitos de dereitos organizouse unha xornada de exposición e debate para o seu recoñecemento xurídico. Preténdese así contribuír a que se respecte o seu dereito: a) á existir e a manter o seu ecosistema de forma natural, b) á protección, conservación e mantemento, c) á restauración tras os danos sufridos, e d) á xestión autónoma que priorice a súa conservación e bo estado. Especialistas das diferentes organizacións e redes que levan décadas defendendo estes ecosistemas, así como representantes institucionais e da Titoría do Mar Menor daranse cita o 23 de marzo no Congreso dos Deputados para debater como avanzar no recoñecemento dos dereitos destas lagoas.
Como expón a convocatoria da xornada “O evidente avance das crise climática e ecolóxica debe facernos meditar sobre os nosos erros. Corrixilos é de sabios”. Antela, La Nava e La Janda foron decimadas coas políticas de desecación e cultivo en regadío do pasado século XX. Pero as presións que poñen en risco a súa existencia non cesaron, seguen moi presentes. Intensas transformacións dos sistemas fluviais que achegan un capital esencial para os ecosistemas, o crecemento da gandería industrial e do regadío intensivo na contorna máis próxima, a contaminación difusa por abonos e xurros, a expansión da minería e a especulación urbanística son parte dos intereses económicos que ameazan as lagoas.
Diferentes organizacións ecoloxistas levan tempo impulsando iniciativas de restauración dos ecosistemas que van recuperando palmo a palmo as lagoas. O recoñecemento da súa personalidade xurídica pode ser un salto adiante para salvagardar este valioso patrimonio natural.
