Planta de tecnosolos en Miramontes: condenada por delito contra o medio ambiente

Hai oito anos publicamos nesta web a entrada “Planta de tecnosolos en Miramontes: a perversión dunha boa idea” que remataba coas peticións de SGHN á Consellería de Medio Ambiente:

  • A paralización cautelar inmediata e total das actividades e o precinto das instalacións da planta que Tecnosoles Galaicos, S.L. posúe na antiga canteira de Miramontes (Grixoa, Santiago de Compostela).
  • A apertura dun expediente sancionador contra Tecnosoles Galaicos, S.L. pola vertedura non autorizada de residuos mesturados (“supostos tecnosolos”) contaminantes no medio natural.
  • Que obrigase a Tecnosoles Galaicos, S.L. a retirar do medio natural a totalidade dos “supostos tecnosolos” que incumpran a ITR/01/08 e a xestionalos como a mestura de residuos que son conforme a lexislación vixente.
  • Que facilitase copia compulsada de toda a información que obre no seu poder á Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia para que avaliase se a actuación de Tecnosoles Galaicos, S.L. podía constituir un delito contra a saúde das persoas e o medio ambiente punible de acordo co vixente Código Penal.
Planta de Tecnosolos Galaicos e vertedoiro de Miramontes nunha imaxe do SIGPAC

Despois de oito anos de loita dos veciños, sempre apoiados por SGHN, a Audiencia Provincial de A Coruña -coa conformidade dos acusados- ven de ditar a sentenza 00035/2026 que “como autores criminalmente responsables dun DELITO CONTRA O MEDIO AMBIENTE previsto e penado nos artigos 325.1 e 2 parágrafo primeiro e 328 do Código penal en relación co Real Decreto Lexislativo 1/2016, do 16 de decembro refundindo a Lei de Prevención e Control integrados da contaminación, coa concorrencia, como moi cualificada, da atenuante do art. 21.6* do Código penal, ás penas de 18 meses de prisión con inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena, e multa de 10 meses con cota diaria en 10 euros con responsabilidade privado subsidiaria para o caso de falta de pagamento, así como inhabilitación especial para profesión relacionada coa xestión de residuos durante 18 meses”.

A sentenza supón un triunfo ben agridoce pois, con apenas 3.000 € de “responsabilidade privado subsidiaria”, a empresa en concurso de acreedores e un aval manifestamente insuficiente, unha vez máis quen contaminou non vai pagar a restauración ambiental da zona. Teremos que pagala entre todos, de novo privatizando os beneficios e socializando as perdas. Ata cando vai continuar esta situación? Cando se imporán avais suficientes, ou seguros de moi ampla responsabilidade civil, para cubrir os danos ambientais das empresas?

  • Divulga ti tamén!