Aprácenos compartir a relación dos títulos recibidos ao longo de 2025 na Biblioteca da Natureza ‘Xavier Sóñora’ da delegación de Ferrol de SGHN. A biblioteca está localizada nas instalacións do Museo de Historia Natural da SGHN en Ferrol (Praza de Canido, s/n) e conta con arredor de 4.410 rexistros bibliográficos, estando recoñecida como Biblioteca Especializada na Rede de Bibliotecas da Xunta de Galicia, e igualmente no Directorio de Bibliotecas Españolas do Ministerio de Cultura. Contamos con Catálogo en liña no OPAC-MEIGA da Xunta de Galicia.
Na biblioteca, as obras son adquiridas maiormente a través dun convenio anual asinado entre a SGHN e a Concellería de Educación do Concello de Ferrol. A través deste convenio, coñecido como “A biblioteca sae ao medio: interacción libro-natureza”, o Concello aporta 1.000 € que se destinan a bibliografía e ao pago dun seguro de responsabilidade civil para o público participante nunha actividade de interpretación do medio nos xardíns históricos da cidade. Esta actividade vén organizada e coordinada de maneira voluntaria pola delegación de Ferrol da SGHN.

Tamén recibimos doazóns por parte de autores e particulares, así como de organismos aos que se lles solicitan dende aquí as novidades publicadas por estes. De querer facer unha doazón bibliográfica, cómpre poñerse previamente en contacto coa biblioteca para facilitar os títulos e poder valorar o interese destes, pois podería ser que este material xa formase parte da biblioteca ou carecese de interese para a mesma.
Os fondos atópanse ordeados pola Clasificación Decimal Universal (CDU), e ao ser unha biblioteca especializada, conta con 59 sinaturas vencelladas aos eidos de acción da SGHN.
As persoas socias teñen a posibilidade de préstamo a domicilio da meirande parte dos títulos e as que non o son teñen á súa dispoñibilidade, previa solicitude, a súa consulta en sala. Os títulos sinalados cunha pegatina vermella só poderán ser consultados, tanto por persoas socias como non, na sala acondicionada para isto.
IMPORTANTE: Antes da túa visita, sexas socia/o ou non, dende a Biblioteca da Natureza agradecemos a solicitude previa -con bastante antelación- do título do teu interese para poder facilitalo no caso de dispoñer del, pois algunhas obras témolas retiradas no depósito. A túa solicitude pódela facer a través do correo ferrol@sghn.org e atenderémola á maior brevidade posible.
