Recollida de sinaturas para esixir o peche definitivo de Altri e a Mina de Touro

As Plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina de Touro-O Pino Non, acompañadas doutros colectivos implicados na loita contra Altri presentaron hoxe en Santiago unha campaña de recollida de sinaturas nunha carta dirixida ao presidente da Xunta de Galicia para que convoque un Consello da Xunta no que o goberno galego proceda a denegar definitivamente e posteriormente arquivar o proxecto da macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei e o de Cobre San Rafael para a reapertura da Mina de Touro-O Pino.

Procedementos administrativos non axustados a dereito

As plataformas denuncian que “os procedementos administrativos que se están a desenvolver pola Xunta a respecto do proxecto de celulosa de Altri non se axustan a dereito”. Sinalan que no procedemento relativo á solicitude de autorización ambiental integrada (AAI), “a mesma tivo entrada na Xunta o 10 de novembro de 2023”. En aplicación do artigo 21 do RDL 1/2016 o prazo máximo para resolvela é de seis meses, transcorrido o cal debe entenderse desestimada por silencio administrativo se non se resolveu expresamente. “Polo tanto, o que corresponde a estas alturas é que por parte da Xunta se resolva expresamente sobre o fondo da solicitude, desestimándoa, dado que os seis meses transcorreron en maio de 2024, e dado que segundo dixo publicamente a propia Conselleira de Economía, Altri quedou fóra da posiblidade de interconexión á rede de transporte”, algo que non é preciso que sexa ratificado en fase de alegacións pola empresa promotora.

No tocante á solicitude de concesión de augas, destacan as plataformas que tamén “foi superado con creces o prazo máximo legalmente previsto para a resolución e notificación”, polo que tamén exixen no escrito a Rueda que “proceda tamén á súa resolución desestimatoria, dada a inviabilidade material do proxecto invocada” pola propia Xunta de Galicia.

A campaña que hoxe comeza exixe ao presidente da Xunta de Galiza que “proceda a resolver en sentido desestimatorio, como paso previo ao seu arquivo, as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada relativas ao proxecto Gama, así como á revogación da declaración do mesmo como proxecto industrial estratéxico”. Tamén demanda que a Xunta “desestime” a solicitude ou solicitudes relativas ao proxecto Cobre San Rafael, nos concellos de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces, promovido pola sociedade Cobre San Rafael, S.L.

  • Divulga ti tamén!