IX Xornadas galegas de patrimonio natural e biodiversidade

A delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) organiza unha nova edición das Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, unha cita dedicada á divulgación científica, ao coñecemento do patrimonio natural e á reflexión sobre os retos actuais da conservación da biodiversidade. Se queres inscribirte, podes facelo a través da seguinte ligazón: https://goo.su/M84fAf

O programa desenvolverase ao longo de dúas xornadas, o venres 20 e o sábado 21, con propostas abertas ao público que combinan o cinema documental e as conferencias de persoas especialistas en diferentes ámbitos das ciencias naturais. As xornadas comezarán coa proxección do documental Entre pastores e lobos.

Venres 20 de novembro | Cinema e diálogo: Entre pastores e lobos

  • Lugar: Salón de actos da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.
  • Ao remate da película, o público poderá afondar nos contidos do documental e intercambiar impresións cos seus creadores:
    • Manuel Pedrosa, director.
    • Pedro Alonso e Mariam Mariño, guionistas e intérpretes.

Sábado 21 de novembro | Conferencias sobre patrimonio natural e biodiversidade

O sábado terá lugar unha xornada completa de conferencias, organizada en sesións de mañá e tarde, na que se tratarán temas como a conservación do salmón atlántico, os fungos invasores, a ilustración científica, o lobo ibérico, as bolboretas galegas, a bioacústica e as especies mariñas.

  • Lugar: Salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Universidade de Vigo.
  • Programa da mañán:
    • 09:45 h | Presentación das xornadas. A cargo de Moisés Asensi, delegado da SGHN en Pontevedra, e Ángeles Cancela, directora da Escola de Enxeñaría Forestal.
    • 10:00–10:40 h | Conservación do salmón atlántico (Salmo salar) en Galicia. Pablo Caballero Javierre, xefe da Sección de Biodiversidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
    • 10:45–11:25 h | Fungos exóticos invasores ou con potencial invasor en Galicia. Jaime Blanco Dios, profesor do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán.
    • 11:30–11:55 h | Pausa café
    • 12:00–12:40 h | A ilustración científica e naturalista no século XXI. Cecilia Montiel.
    • 12:45–13:25 h | O lobo ibérico en Galicia entre a ciencia, a lei e o territorio. Jesús Criado Íñiguez, secretario xeral da Asociación Medioambiental Grupo Lobo.
    • 13:30–14:10 h | Atlas de Papilionoidea (bolboretas) de Galicia. Xosé Lois Rey-Muñiz e Suso Requejo Camiña, coordinadores do proxecto.
    • 14:15–16:25 h | Pausa para o xantar
  • Programa da tarde
    • 16:30–16:50 h | Proxección do documental Sal e barro. A cargo da delegación As Mariñas da SGHN. Realizado por Ramiro J. Freire, o documental achégase á riqueza ecolóxica e ao patrimonio natural e cultural da comarca das Mariñas, explorando a súa relación coa pesca, os traballos tradicionais das telleiras e o turismo. A obra pon de relevo a importancia de conservar os ecosistemas e compatibilizar a protección do patrimonio coas actividades económicas e co benestar da poboación.
    • 16:55–17:15 h | A nova sección da SGHN: Bioacústica. Manuel Arzúa Piñeiro, vogal de Bioacústica da SGHN.
    • 17:20–17:40 h | Algas viaxeiras: as novas veciñas da costa galega. Cristina Piñeiro Corbeira, investigadora posdoutoral da Universidade da Coruña.
    • 17:45–18:05 h | O equilibrio parasito-hóspede e o éxito reprodutivo da Vespa velutina en Europa. Xulio Maside Rodríguez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
    • 18:10–19:15 h | Debate. A xornada finalizará cun debate aberto para compartir reflexións e intercambiar opinións arredor dos temas tratados ao longo do día.

Un espazo para coñecer e conservar o noso patrimonio natural

Con esta nova edición, a novena, a delegación de Pontevedra da Sociedade Galega de Historia Natural reafirma o seu compromiso coa divulgación científica, a educación ambiental e a conservación da biodiversidade.

As xornadas constitúen un espazo de encontro entre especialistas e público interesado na natureza, que permite coñecer mellor o patrimonio natural galego e reflexionar sobre os desafíos que afronta a súa conservación.

  • Divulga ti tamén!