Senda “peonil” a 162.115 €/km

Proxecto de “senda peonil e acondicionamento ambiental do esteiro do Anllóns e da enseada da Insua, no concello de Ponteceso (A Coruña)”

Como se recoñece na documentación presentada, o proxecto afectaría á terreos totalmente incluídos na zona de protección de costas, na zona de protección costeira do Plan de Ordenación do Litoral e na Rede Natura 2000 (ZEPA Costa da Morte Norte). “El ámbito de actuación es un espacio natural con numerosos valores ambientales y con una gran variedad de hábitats, donde se intercalan marisma, estuario, dunas, playas e islotes”.

As actuacións realmente contempladas no proxecto non se axustan en absoluto aos supostos fins para os que se solicita a ocupación do Dominio Público Marítimo Terrestre (DPMT):

  • A presunta “senda peonil” tería 1.100 m de longo, 2,5 m de largura, cuneta de 40 cm, bordos laterais de madeira tratada (sección 200 x 76 mm) e pavimento de firme ordinario estabilizado con cemento (5%), formado por 15 cm de saburra artificial e 3 cm de area de mina, estendida e compactada con apisonadora. Como o día e a noite, estas características contrastan coa definición de “senda” no dicionario da Real Academia Galega: “Camiño estreito que se vai facendo a por de transitar por el a pé persoas ou animais”. O que se proxecta en realidade é unha urbanización ou artificialización dun espazo natural sen necesidade nin xustificación algunha.
  • O “acondicionamento ambiental” redúcese a instalación dalgunha papeleira.
Imaxes de exemplo incluídas no proxecto

    Ademais, ao igual que o camiño xa existente, as actuacións proxectadas veríanse irremediablemente deterioradas ou destruídas polas enchentes do Anllóns combinadas coas preamares e os temporais. Enchentes que, nun escenario de cambio climático e elevación do nivel do mar como o actual, non farán senón aumentar nun futuro inmediato.

    Incumprimento da normativa europea

    Malia afirmarse que “Las actuaciones tienen como finalidad fomentar actividades que contribuyan al impulso de la infraestructura verde y la conectividad de los espacios verdes, para incrementar la biodiversidad, mejorar su conservación, la adaptación al cambio climático, la mejora de la calidad ambiental y la creación de espacios saludables”, na realidade as actuacións realmente contempladas no proxecto non se axustan en absoluto:

    • Á definición da Unión Europea sobre Infraestrutura Verde: “unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos. Incorpora espazos verdes (ou azuis no caso dos ecosistemas acuáticos) e outros elementos físicos de espazos terrestres (incluídas as zonas costeiras) e mariños”.
    • Ás metas das estratexias galega, estatal e da Unión Europea sobre Infraestrutura Verde.

        Por outra banda, o proxecto pretende acollerse á convocatoria da AGADER de “subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia”. Pero a urbanización da franxa inmediata ao bordo litoral-estuarino dun espazo da Rede Natura 2000 incumpriría o requisito obrigatorio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (“DNSH, Do No Significant Harm”) para acceder a fondos europeos como os do FEADER.

        • Divulga ti tamén!