Coñecendo as bolboretas diurnas, libeliñas e outros insectos, e … o que cadre

Pola mañán na ermida da Virxe do Monte

O domingo 28/07/2024 desenvolvimos a terceira saída entomolóxica coa sección de Entomoloxía da SGHN. A xeira iniciouse ao carón da ermida da Virxe do Monte pertencente aos comuneiros de Loña do Monte, fíxose unha breve presentación do lugar, da súa pertenza e se deron as correspondentes indicacións sobre os aspectos a ter en conta durante a saída. E xa entramos de seguido coas primeiras explicacións de achegamento ó mundo das principais protagonistas do día: as bolboretas.

Para desenvolver este tipo de actividade é obligatorio dispor dunha autorización administrativa específica para a manipulación dos insectos, e no grupo eramos polo menos 5 as persoas que tiñamos o permiso. Ademáis, si se queren acadar os mellores resultados e que a actividade sexa un éxito, convén contar cun ou varios “colle-bolboretas”, con algún bote ou similar para permitir a observación máis cercana dos insectos coas mínimas molestias e, especialmente, có apoio de persoas coas habilidades axeitadas para manexar os exemplares e con coñecemento sobre as especies.

Con todo disposto había que por máns … ou mellor “colle-bolboretas” … á obra empezando a recoller exemplares para a súa identificación. Xunto coa identificación coméntase aspectos da súa bioloxía, das necesidades que teñen, dos principais problemas cós que se atopan e das causas do declive das súas poboacións. Así falouse da conveniencia de contar con zonas “naturalizadas” nos entornos urbanos como xeito de contribuír á conservación dos insectos pois a homoxenización dos espazos urbanos, o emprego masivo de zonas cementadas ou enlousadas, o exceso de desbroces e de campos de herba sin flores representan unha dificultade real para moitas especies. Si a esto engadimos o uso xeral de especies de flora alóctona e o emprego indiscriminado de insecticidas e de herbicidas pódese entender que as condicións non son as mellores para a vida dos insectos, aínda que sabemos que éstes desempeñan importantes papeis en procesos naturais imprescindibles para o ser humano, como é a polinización.

Pero hai outros procesos non menos importantes como a eliminación dos residuos orgánicos por exemplo … a merda … dito así soa bastante escatolóxico quedaría máis fino e profesional decir que hai algúns insectos detritívoros coprófagos e … sin ir máis lonxe os Geotrupidos entre eles os Trypocopris pyrenaeus que apareceron ao longo da mañá. Por certo, máis dun levou unha grande sorpresa ao saber que un bicho tan bonitiño con esas cores metálicas se alimente de algo tan “noxento” pero tamén quedou claro que o servizo de limpeza é imprescindible na natureza.

Pola beira da carballeira, do piñeiral e da pista e seguindo a orla das plantas floridas aos poucos foron presentándose varias das bolboretas máis frecuentes e houbo tempo para sorprenderse coa diversidade de comportamentos, formas, tamaños e cores. Mentres, os expertos sinalan os detalles máis salientables a observar para acadar a súa identificación; identificación que as veces ten a súa complexidade tanto polas diferencias individuais como pola perda progresiva das escamas ao longo da vida dos exemplares.

Compartindo espazo coas bolboretas atoparónse algúns outros insectos interesantes como unha formiga león ou unha libélula do xénero Onychogomphus. Así pasou o tempo mentres subía a temperatura e a mellor opción semellaba poñerse á sombra dos carballos para repousar e repoñer forzas aproveitando para compartir esas charlas sempre interesantes cheas de anécdotas, historias e propostas para outras actividades.

Pola tarde á beira do río Loña

A sobremesa extendeuse ata a hora de iniciar a sesión da tarde á beira do río Loña en Ourense, alí, cun bochorno apreciable, a actividade da fauna era bastante escasa. Aínda así localizáronse algunhas novas especies de boboretas e libélulas, mentras outras voaban na parte central do cauce sobre a auga e eran inaccesibles aos “colle-bolboretas”.

Non queda máis nada que dar as grazas aos que fixeron posible esta actividade e aos participantes e moi especialmente a Xosé Lois da sección de entomoloxía da SGHN pola súa paciencia e por compartir os seus coñecementos có grupo e aos seus esforzados axudantes Antón e Martín que batiron o terreo na localización e captura dos exemplares. E non podemos esquecer o noso agradecemento á Comunidade do monte veciñal en man común de Loña do Monte pola súa acollida e por manter este espazo para o disfrute de propios e estraños.

En resumo a xornada resultou moi instrutiva, entretida e interesante e xa quedamos emprazados para a xeira entomolóxica do vindeiro ano, alí vos esperamos.