Será coa intención de detectar morcegos, avenoiteiras e demais fauna nocturna, así como percibir e espertar sentidos xa esquecidos
A delegación de Ferrol ofrece una nova actividade de divulgación no medio natural (ver PDF), dentro do seu programa de actividades “OUTONOS NATURALISTAS” baixo o patrocinio da Deputación da Coruña.
Nesta ocasión, dende a entidade naturalista brindaremos a posibilidade de participar nun paseo nocturno por Doniños previsto para a tarde-noite do sábado 9, no que percorreremos o paseo do areal preto do sistema dunar así como os terreos e piñeiral no antigo campo de tiro militar, para visitar finalmente a lagoa onde se atopa o observatorio de aves situado a carón dela no terreo doado pola oceanógrafa Ángeles Alvariño e o seu home.
A actividade será de 18:00 a 21:00 e terá un límite de prazas de 20 persoas. Durante esta andaina, intentaremos detectar morcegos, avenoiteiras e demais fauna nocturna, mentres espertamos e percibimos sensacións descoñecidas ou xa esquecidas cos sentidos do olfacto e oído.
Dende a SGHN-Ferrol salientamos que a actividade é de dificultade baixa-media, e recomendamos levar un calzado cómodo tipo montaña, ou no seu lugar bota de auga, así como roupa acorde coa meteoroloxía prevista para esa xornada. Para a inscrición na actividade, é preciso contactar coa delegación de Ferrol no correo electrónico ferrol@sghn.org e facilitar nome completo, DNI e un teléfono de contacto, para poder tramitar o correspondente seguro. Por esixencia deste, as persoas maiores de 65 anos deberán facilitar tamén a súa data completa de nacemento.