Organizada pola Delegación de Ferrol de SGHN
Será na mañá do vindeiro sábado, coa intención de contrastar coa nocturna realizada na fin de semana anterior. Dentro do seu ciclo “Outono naturalista” baixo o patrocinio da Deputación da Coruña, ofrecerá esta saída guiada polo val e os muíños de Esmelle na mañá do vindeiro sábado 2 (ver PDF).
A actividade, que será de carácter diúrno, é gratuíta por vir subvencionada pola Deputación da Coruña. A intención da mesma é contrastar na medida do posible coa nocturna anterior ofrecida a pasada fin de semana.
Nos vindeiros días esta mesma delegación ofrecerá dúas saídas máis de contraste nocturno-diúrno, neste caso en Doniños, nas que percorreremos o paseo do areal e visitaremos a lagoa e o observatorio de aves situado a carón desta, no terreo doado nos anos noventa pola oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño e o seu home.
Para a inscrición nesta actividade de Esmelle diúrno, é preciso contactar coa delegación de Ferrol no correo electrónico ferrol@sghn.org e será preciso aportar o nome, apelidos e DNI de cada participante para o seguro. Por esixencias deste, no caso das persoas maiores de 65 anos, precisaremos a data de nacemento en formato DÍA/MES/ANO.
Dende a asociación recomendamos levar calzado de montaña ou botas de auga, así como roupa cómoda e acorde coa meteoroloxía prevista para esa xornada.