9 de marzo, Día do Naturalismo Galego

Por iniciativa de Rafael López Loureiro, co apoio entusiasta das principais asociacións ambientalistas galegas (SGHN hónrase de ter sido a primeira en facelo) e de numerosas entidades e persoeiros, o vindeiro 9 de marzo celebrarase por vez primeira o Día do Naturalismo Galego. A data elixiuse en homenaxe a Frei Martiño Sarmiento, nado nese día do 1695 en Villafranca del Bierzo.

Como indica Rafael López Loureiro, “se de certo o labor lingüístico, literario, bibliófilo e pedagóxico  de Sarmiento están estudados e editados, sen agotalos nen moito menos, non pasa o mesmo coa análise e difusión dos seus traballos estrictos de Historia Natural. Territorios estes cuasi virxinais nos que o estudo das aportacións e informacións que nos legou Martín Sarmiento conservan abondosos territorios abertos por explorar, ofrecendo, a quen quixera penetralos, amplos espazos de averiguación e investigación”.  

Asimesmo, Rafael López Loureiro subliña que Miguel Colmeiro y Penido (director do Real Xardín Botánico 1857-1900),  xa salientou a importancia primordial de Sarmiento como o grande valedor dos estudos de Historia Natural: “Sarmiento fue  seguramente en su tiempo el español que manifestó mayor entusiasmo por la Historia natural y deseaba que se estableciesen enseñanzas de una ciencia sobre cuya importancia tenía la más alta estima. Para él era la Historia Natural fundamento de todas las ciencias humanas… La mayor parte de los escritos de Sarmiento permanecen inéditos y entre ellos los relativos a las plantas”.

Dende logo, non podería haber mellor data para celebrar o Día do Naturalismo Galego.