Baixo o lema “Protexe os insectos, protexe as aves” o Día Mundial das Aves Migratorias 2024 pon o acento na relación entre as aves migratorias e os insectos nun contexto de alarmante declive de ambos grupos de especies, buscando concienciar sobre a importancia dos insectos.
Neste contexo, dende SGHN-Ourense buscando informar e concienciar sobre a necesidade de desenvolver accións para a conservación das especies desenvolvéronse tres actividades dirixidas a distintos tipos de público.
1. Charla “Aves Migratorias” (09/10/2024)
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta charla onde o compañeiro Antonio repasou algunhas cuestións vencelladas coas migracións e as vicisitudes das aves nos seus dous movementos anuais na procura dos recursos que precisan. Neste contexto remárcase a importancia non só dos lugares de orixe e destino das aves si non a idoneidade da totalidade dos territorios polos que transitan e onde é imprescindible que as aves dispoñan de lugares nos que alimentarse, descansar e refuxiarse.



2. Observación de aves pola beira do Miño (12/10/2024)
Díse que non se protexe o que non se coñece e nada mellor que unha saída de campo na que iniciarse e profundizar no coñecemento do mundo das aves. Nesta ocasión aproveitando un dos espazos accesibles da cidade de Ourense onde se poden observar bastantes especies de aves: as beiras do río Miñó. O percorrido circular entre a Ponte Vella e a pasarela de Oira é moi cómodo e conta coa presencia de especies que normalmente pasan desapercibidos para os usuarios deste paseo como así o manifestaron algún dos participantes sorprendidos pola presencia de especies como: ferreiriño rabilongo, estreliña riscada, bilurico, peto, algunhas das cales podemos ver nas fotos do noso consocio Tomás Cumbraos Díaz.
























3. Presentación da “Pequena guía de aves de Ourense” (17/10/2024)
Tamén houbo cita cós cativos na Aula da Natureza de Oira, alí presentouse esta publicación destinada aos escolares da cidade coa colaboración do Concello de Ourense. Este libriño trata de ser unha ferramenta para identificar e coñecer algo máis sobre algunhas especies de aves presentes na cidade e onde se poden anotar os avistamentos e mesmo facer consultas a través dun correo creado a tal fin. Poucos días despois, o 30/10/2024, tamén se mirou cós Ecovixiantes de Franciscanas.









