O venres 20 de decembro, ás 19:30 h, terá lugar no auditorio do Museo de Historia Natural da SGHN a derradeira conferencia deste ano ofrecida pola Delegación de Ferrol co patrocinio da Deputación da Coruña. A conferencia “O Cal, espazo natural. Un proxecto de conservación persoal e totalmente transferible” versará sobre a recuperación, por parte dun particular, dun espazo natural protexido. A entrada é libre ata completar aforo.
O Cal é un espazo natural no que Álvaro Barros, o seu propietario, fixou o seu proxecto como biólogo e conservacionista hai case vinte anos, en contraprestación á eucaliptización do monte e á perda de biodiversidade que isto conleva. A súa pretensión é tamén a de loitar contra o abandono dos usos tradicionais do monte.
Álvaro Barros é doutor en Bioloxía, ecoloxista, labrego e veciño de San Sadurniño. Está especializado na bioloxía da conservación particularmente de aves mariñas, traballando nos últimos vinte anos en distintos proxectos dirixidos á conservación de especies ameazadas a nivel galego e estatal. Nos últimos anos estase a adicar a experimentar medidas para reducir a captura accidental de aves mariñas nas diferentes artes de pesca.

