Outra Limia é posible: Poza dos Arieiros

O sábado 16/11/2024 un bo grupo de amigos e membros da SGHN acometeron o traballo de preparar e acondicionar a “Poza dos arieiros” para axudar ao desenvolvemento de varias especies de flora e fauna de alto interese.

A “Poza dos arieiros” foi o primeiro proxecto desenvolto pola Sección Antela na zona das areeiras de Sandiás (2017) sobre un predio alugado ao Bantegal e dúas parcelas contiguas nás que se teñen asinado acordos de custodia do territorio. O obxectivo deste proxecto é a recuperación dun hábitat cada vez menos representado na Limia como resultado das desecacións e concentracións parcelarias: os bancos areosos típicos dos ecosistemas fluviais limiaos antes da rectificación dos cauces e imprescindibles para diversas especies de flora e fauna ameazadas.

Ao longo destes anos e despois de diferentes intervencións de remodelación compróbase a singularidade deste espacio e a súa importancia sobre todo para a conservación de especies vexetais ligadas a medios acuáticos especialmente de especies pioneiras que precisan ambientes asolagables temporalmente e espazos despexados.

O principal problema para a conservación destas especies é a recuperación e desenvolvemento dos estratos herbáceos e arbustivos consecuencia da ausencia das dinámicas fluviais e da falta de control destas especies por grandes herbívoros, debido á extinción histórica dos silvestres e a estabulación dos domésticos. Á vista do estado das parcelas, abordouse unha nova actuación con dúas accións:

  • Intervención mecanizada con maquinaria pesada para remodelar o espazo e máis retirar parte da vexetación arbustiva, fundamentalmente salgueiras e xestas.
  • Intervención manual para actuar nas áreas máis sensibles eliminando vexetación de porte medio e baixo e despexando algunhas zonas ocupadas por eneas.

Pero xa postos, e como non hai dous sin tres, abordouse a eliminación das salgueiras que medran no noiro da poza facendo sombra á zona de plantación dos nenúfares para mantener os niveis de insolación elevados que precisa esta especie.

Moitas grazas a todas as persoas que fixeron posible estas novas actividades imprescindibles para a conservación das especies ligadas aos ecosistemas lagunares da Limia e fan seu o lema da Sección Antela: Outra Limia é posible.

  • Divulga ti tamén!