Otra mirada aos valores limiaos

Non cabe ningunha dúbida de que na Limia concéntranse valores destacados que paga a pena coñecer mellor especialmente cando se conta con bós coñecedores do territorio; así o 03/05/2025 desenvolveuse unha actividade mixta cultural e natural visitando puntos destacados da comarca limiá.

Con previsión de chuvias a xornada comenza na contorna da Torre de Pena. A Torre, ou mellor dito, o Castelo de Pena está situado nunha atalaia extendendose aos seus pés o que foi a lagoa de Antela, situación que o converte nun lugar idóneo para coñecer diversos aspectos xeomorfolóxicos que explican a dinámica fluvial da conca do río Limia ou como preferimos decir do complexo húmido Limia-Antela. Acompañando estas primeiras explicacións o compañeiro Tomás engade unhas notas sobre outros aspectos naturais como sobre a vexetación mentres nos achegamos cara a Torre onde Manolo vai aportando datos diversos sobre o Castelo, a súa relación coas outras torres da Limia, a súa historia e os traballos previos e recentes de restauración e excavación que deixaron á vista parte das estructuras do castelo; castelo recentemente declarado Ben de interese cultural.

Neste punto adícase un intre á observar a chaira especialmente: o espazo que antano ocupaba a lagoa de Antela, a paisaxe agraria das concentracións parcelarias que seguiron a desecación, o uso xeralizado de herbicidas en zonas asolagables e mesmo as granxas tamén instaladas en zonas con risco de enchentes.

E como estaba previsto chegou a choiva que se mantivo durante a visita ao Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras onde, entre chaparrón e chaparrón, comentouse o devir histórico do lugar xunto cun repaso aos diversos aspectos arquitectónicos do conxunto, incluíndo a Eirexa que tamén houbo ocasión de visitar. Como destacable hai que mencionar as últimas intervencións que poñen de manifesto unha coidadosa xestión e aproveitamento da auga para a curtiduría recén descuberta. Ante a persistencia da choiva decidiuse aplazar o paseo pola carballeira para mellor ocasión, dándose por rematada a xornada matutina.

Xa pola tarde có cambio do tempo percorréronse algúns dos lugares máis interesantes dende o punto de vista ornitolóxico, especialmente os puntos onde nos días previos se tiña constancia da presencia de algunhas especies de interese como un grupo de *fumarel*. Tamén se adicou un tempo a comprobar o estado das obras do miradoiro de Gomareite e a buscar os primeiros indicios de brotación dos nenúfares plantados na zona das areeiras dentro do proxecto de colaboración con Gemosclera.

En fin, unha xornada ben completa e interesante grazas a personas boas coñecedoras da Limia e a colaboración dos participantes; moitas grazas a todos especialmente a Tomás e Manolo pola compaña e polo seu traballo e esforzo continuado por divulgar e conservar os patrimonios limiaos (preme aquí para descargar a lista de especies observadas na xornada).

  • Divulga ti tamén!