“ePaxaro” no Día Mundial das Aves Migratorias

A Delegación de Ourense da SGHN leva uns anos celebrando o día das aves migratorias cunha xornada de campo na que coñecer mellor a estas aves e as súas necesidades para completar os seus ciclos biolóxicos. Nestas xornadas recóllese a listaxe das especies observadas, alomenos para deixar constancia da súa presenza nos espacios visitados, pero este ano aproveitouse a ocasión para coñecer e familiarizarnos có uso das ferramentas dispoñibles para o rexistro de aves, neste caso ePaxaro (está ben, de agora en adiante utilizaremos o máis internacional eBird).

Un pouco de teoría

O venres 09/05/2025, e na parte teórica explicouse o proxecto eBird promovido polo Laboratorio de Ornitoloxía da Universidade de Cornell que non é máis que unha base de datos para documentar a distribución e abundancia das aves a través dos datos que aportan os observadores aficionados e profesionais de todo o mundo. Na charla, que foi no centro Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, por cortesía do Ateneo de Ourense, fíxose a exposición polo miúdo da estrutura, contidos e posibilidades da plataforma eBird, tanto da app para móbil como da páxina electrónica, centrándose, dun xeito claro e ordenado, naqueles matices máis interesantes para os principiantes. Ademáis, destacouse a importancia de aportar estes datos en tempo real pois son datos públicos dispoñibles para calquera proxecto ou estudo sobre as especies e as tendencias poboacionais.

E outro pouco de práctica

O sábado 10/05/2025 tocou poñer en práctica o aprendido, cunha saída na que cada participante elaboraría a súa propia lista de aves utilizando a app para móbil. A zona seleccionada para a ocasión foi un treito circular da ruta pola beira dos ríos Miño e Loña, unha zona cómoda para camiñar na que se poden observar bastantes especies de aves con facilidade ao estar afeitas ao tránsito dos paseantes.

E así foi pasando a mañá coa posta en común dos participantes para compartir as súas observacións e rexistros e consultando, entre anotación e anotación, cantas dúbidas e curiosidades xurdiron sempre tentando deixar ben recollido o observado, non vaia a ser que os revisores do ePaxaro (perdón, eBird) nos dean un tirón de orellas …

Un novo xeito de recompilar e compartir a información e unha nova experiencia que foi moi do agrado dos participantes, sobre todo polo bó traballo do compañeiro David Boso que levou a actividade fantásticamente e a quen lle agradecemos a súa colaboración … esperando repetir nalgunha outra ocasión.

Grazas tamén a todos os participantes e … ata a próxima cita coas aves migratorias alá polo mes de outubro.

  • Divulga ti tamén!