Coñecendo as aves migratorias

Unha vez máis lembramos nestas datas as aves migratorias coa colaboración de dous consocios, unha charla de Antonio Ferreirós e unha saída guiados por Javi Heras.

Día das aves migratorias

O día 08/10/2025 Antonio fixo un percorrido no tempo, lembrando as mensaxes centrais dos Días das Aves migratorias dos últimos anos, cós que se pretende visibilizar as dificultades que afrontan as aves nas súas migracións: a ausencia de espacios idóneos no seus itinerarios ou o desfase entre os ciclos biolóxicos dos insectos e das plantas coas aves derivados do cambio climático.

Deseguido achegounos o lema deste ano “”Crear cidades e comunidades amigables coas aves” un lema moi acaído tendo en conta que as cidades medran sin cesar pero nas que é factible a creación de espazos naturalizados que fagan a cidade máis saudable para as persoas e acolledora para un grande número de especies. E, sí … sempre hai cousas que nós como cidadáns podemos facer dende educar aos cativos ata exixir ás administracións o desenvolvemento de accións de mellora como a revexetación dalgunhas zonas dos nosos pobos e cidades, a utilización de especies autóctonas, a redución de pavimentos duros de pedra e formigón, …

Paxareando polas barreiras de Niñodaguia

A charla estivo moi ben pero para os máis paxareiros non hai nada mellor que complementala cunha saída ao campo e disfrutar do que nos ofrece o noso entorno. Este ano o lugar elexido para a saída foi unha parte da depresión de Maceda, no concello de Xunqueira de Espadanedo, achegándonos ata as charcas das cerámicas pola Veigachá.

Desde antano nesta zona extraíase un singular barro moi rico en caolín que da un característico cor marelo á olería tradicional de Niñodaguia. En tempos máis recentes instalouse unha empresa cerámica na que se fabrican diversos produtos de arxila cocida para a construcción como ladrillos ou tellas. Como resultado da extracción do barro creáronse charcas dispersas que, unha vez rematada a explotación, naturalizáronse creando un espacio húmido de interese para moitas especies.

Sendo unha zona descoñecida para a maioría dos asistentes, realizouse un pequeno itinerario polas beiras dalgunhas das charcas atentos a calquera movemento buscando as aves, os rastros da presenza da fauna e atentos aos reclamos e aos cantos das especies máis discretas como a zurrasca euroasiática ou o cardeal europeo agochados entre a densa vexetación ou nas copas das árbores. E sempre moi atentos ao ceo na procura doutras especies especialmente das rapaces, nesta ocasión hai que destacar a observación dos primeiros miñatos reais da tempada que viñeron a celebrar connosco o Dia das Aves migratorias.

Finalizada a mañá e despois do xantar na área recreativa de Niñodaguia celebramos a primeira reunión do clube de lectura falando do libro “Los lobos también lloran”, con temática moi acaída para a vindeira actividade a charla sobre o lobo … do día 07 de novembro. Quédanos claro que a lectura é doada e que a historia está aderezada con momentos que arrancan as risas dos lectores aínda que agocha momentos tremendos da vida dos lobos, destácase que o libro abre un camiño para mirar doutro xeito a esta especie sempre tan denostada e perseguida, situación que aínda persiste e sigue estando de actualidade neste intre.

Coñecendo de primeira mán o impacto da vaga de lumes

Seguindo con estas reflexións durante a tarde visitouse a Padela un dos pobos ata onde chegaron os lumes deste ano, segundo nos comentaron en plena noite e sen medios xerando momentos de moita tensión e mesmo de varias noites pendentes de que rexurdiran os lumes. As beiras da pista e as sebes estaban todas queimadas mesmo ata o pobo, só os pastos recuperaron xa parte do seu verdor despois do paso do lume, a zona de mato inmediata ao pobo quedou arrasada cun lume de grande intensidade e as plantacións cercanas de piñeiros e de castiñeiros quedaron tamén totalmente arrasadas. Algúns carballos e castiñeiros comezan a brotar na base o que da idea de que todas as polas están completamente mortas. Coas temperaturas destes días e a seca prolongada, o terreo está totalmente seco e mesmo aínda se levantan remuíños de cinsa que avanzan sobre a zona queimada mentres reflexionamos sobre os lumes e tratamos de entender o que sucedeu este ano, cousa nada sinxela.

Como é normal, debemos dar as grazas a todos os que fixeron posible estas actividades e a todos os que participaron nas mesmas; e máis especialmente a Antonio e a Javi.

  • Divulga ti tamén!