Dragaxe canle de acceso ao porto de Pontevedra

Xustificación oficial do proxecto

Debido á “perda de calado pola acumulación de sedimentos que dificulta a navegación e a atracada en porto deportivo de Pontevedra” e “Tras varios intentos errados de xestión previa”, o proxecto propón extraer máis de 400.000 m3 de sedimentos de Categoría A -é dicir, limpos- para vertelos nunha zona de alta mar denominada “Punto B”.

Impacto polo incremento de turbidez

A execución do proxecto conlevaría un notable impacto ambiental por turbidez xa que a remoción dos sedimentos do fondo pola acción da draga porá en suspensión as fraccións máis finas do sedimento, que son á súa vez a fracción de sedimento que conteñen os maiores niveis de contaminación. Compre salientar que os sedimentos a dragar dragar conteñen proporcións de finos que superan o 50% (estación Le07 e Le19) e incluso o 70% (estacións Le 35 e Le37).

Ademais, o método de dragaxe proposto por “succión en movemento” non é eficaz para diminuír a turbidez por resuspensión de materiais finos. Por último, nin o proxecto, nin os estudos complementarios nin o propio EIA contemplan medidas protectoras para reducir en orixe o problema da turbidez malia que existen tecnoloxías e equipos para conseguilo. O emprego de equipos de escavación e cabezais de dragaxe dotados de recirculación de auga (“eco-dragas”) permite reducir a cantidade de sedimento que se dispersa na columna de auga durante a succión pois evitan o “overflow” (ou rebordo de cántara).

Os estudos realizados para o proxecto obvian completamente a segura dispersión da turbidez pola dinámica hidrolóxica e a previsible precipitación de finos sobre os bancos naturais. Tampouco avalían o seu impacto sobre as biocenoses bentónicas e especialmente sobre as poboacións de bivalvos filtradores. Xa que logo, como mínimo, debería esixirse un control adicional e estrito no plan de vixilancia ambiental: instalar e xestionar unha rede de trampas de sedimentos nos bancos marisqueiros próximos á desembocadura, distribuídas de acordo cos campos de dispersión definidos cos modelos numéricos e a prolongadas nunha franxa de polo menos 200 m.

Se ben os modelos numéricos utilizados para realizar as simulacións hidrodinámicas e de transportes de sedimentos (turbidez incluída) son ferramentas valiosas, teñen a limitación de que os resultados están moi afectados pola carga de variables de partida cos que se activa o modelo, máxime cando se alimenta un cos resultados doutro, sen calibrar e validar o modelo con traballo de campo. A parámetros como o ciclo de marea, o caudal do rio ou o vento únense outros de máis complexa cuantificación como a fricción do fondo ou o efecto de contorno polo que, de non calibrarse correctamente o modelo, os resultados de fluxos a miúdo son irreais. Xa que logo, non poden darse como veraces os resultados das modelizacións sen as necesarias calibracións e validacións exhaustivas fronte a datos de campo, o que xera incerteza do alcance e impacto real que terá a dispersión de sedimentos finos sobre os bancos marisqueiros próximos á desembocadura. Por iso é imprescindible ampliar as medidas de control da turbidez no plan de vixilancia ambiental: a maiores da boia de medición de turbidez en continuo da desembocadura, deberíase instalar unha estación tamén de medida en continuo sobre unha das bateas de reparqueo existente ao norte de Tambo. Ambas as estacións de medida da turbidez en continuo deberían estar en funcionamento polo menos un mes antes do inicio da dragaxe para determinar os valores preoperacionais de referencia deste parámetro.

Sobre o destino final dos materiais dragados

O estudo de alternativas de uso produtivo dos materiais de dragaxe non se realizou co debido rigor técnico, pois contempla os materiais orixinais “in situ” no canto de realizalos cos materiais en cántara, xa que os materiais que finalmente se verten conteñen porcentaxes de finos significativamente menores debido ao lavado que sofren, por rebordo durante a dragaxe. Ademais, o estudo non contempla a selección diferenciada de materiais tan heteroxéneos como os da zona de dragaxe, que podería recomendar diferentes usos produtivos: rexeneración de fondos degradados de Tambo, bancos marisqueiros, rexeneración de praias.

Sobre o punto de vertedura do material dragado

SGHN discrepa con que o material procedente da dragaxe sexa vertido na chamada ZONA B como propón o proxecto básico e o É.I.A. posto que:

  • No informe de “Proposta de zonas de vertedura para materiais dragaxes dos portos das rías baixas en Galicia. Alternativas á zona E/8”, o CEDEX salienta que “De acordo co artigo 34.4 das DCMD, a zona E/8, con autorización para a vertedura do material dragado durante os últimos anos, debería ser utilizada preferentemente fronte ao establecemento de novas zonas de vertedura”.
  • A caracterización bentónica realizada pola A.T. de Portos de Galicia na zona de vertedura B:
    • Ten claras deficiencias técnicas que invalidan os resultados, polo tipo de mostraxe, sen réplicas nin representatividade.
    • Realiza unha interpretación sesgada dos perfís de ROV ao non valorar correctamente uns fondos circalitorais ben estruturados con abundancia da pluma de mar fosforescente (Pennatula phosphorea) -especie catalogada como Vulnerable (VU) na Lista Vermella da UICN en España – nin a presenza relevante dun exemplar de Pinna.
    • Non valora correctamente a presenza de especies comerciais como son polbo, melgacho, galo e louro, do mesmo xeito que as numerosas galerías como as que se observan no sedimento que puidesen gornecer cigala. Todo iso dá pé a interpretar estes fondos con claro interese pesqueiro, como tamén o testifica a súa posición xeográfica coincidente en parte co banco pesqueiro denominado “Largada da Vía” que se estende 15 millas desde as Illas Cíes ata Aguiño e onde a frota de arrastre de Riveira, Marín, Muros e Bueu pescan Lirio, Carioca, Xurelo, polbo e cigala entre outras especies.
  • Se para a selección final do punto de vertedura se prioriza a oposición social e sectorial sobre a unanimidade dos criterios técnicos, debería contemplarse co mesmo criterio a oposición sectorial á vertedura no punto B pois a Opp08 -Opromar considera que a proposta prexudica ao sector. A frota de arrastre e cerco rexeita os puntos de vertedura das dragaxes, nas que hai especies como a raia, linguado, pescada, acedía e polbo. Posto que os materiais do rio Lérez son de categoría A (limpos de contaminación) a súa vertedura en E/8 suporía na práctica un uso produtivo para restablecer un fondo posiblemente degradado por verteduras históricas non sempre exentas de contaminación. Tamén se debería ter en consideración que os materiais que se verten están máis limpos que os orixinais pois unha boa porcentaxe dos finos presentes no material orixinal quedan na zona de dragaxe.
  • Ningún dos numerosos informes e estudos técnicos realizados sobre a zona E/8 contradí o seu uso para a vertedura de materiais certificados procedentes de dragaxes portuarias.

Solicitudes de SGHN

  • Que se teña por acreditada a lexitimación para formular alegacións neste trámite e que se admitan e valoren na resolución ambiental, con expresa constancia de como foron consideradas.
  • Que se volvan a considerar as alternativas de usos produtivos do material “en cántara” Categoría A procedente da dragaxe, xa que estes son os materiais que finalmente se verterían e conteñen porcentaxes de finos significativamente menores que os sedimentos “in situ”. Entre as alternativas debería contemplarse a selección diferenciada de materiais tan heteroxéneos como os da zona de dragaxe, o cal podería recomendar diferentes usos produtivos segundo a súa granulometría: rexeneración de fondos degradados de Tambo, bancos marisqueiros, rexeneración de praias…
  • Que se esixa o emprego de equipos de escavación e cabezais de dragaxe dotados de recirculación de auga (“eco-dragas”) para reducir a cantidade de sedimento que se dispersa na columna de auga durante a succión.
  • Que se esixa ao promotor e á empresa adxudicataria:
    • Unha segunda estación de medida en continuo da turbidez sobre unha das bateas de reparqueo próximas.
    • A instalación e xestión dunha rede de trampas de sedimentos sobre os bancos marisqueiros próximos á desembocadura, distribuídas de acordo cos campos de dispersión definidos cos modelos numéricos e a prolongadas nunha franxa de polo menos 200 m.
  • Que se realice unha nova “caracterización bentónica na zona de vertedura B” (informe EN240201-02) xa que a incluída no proxecto amosa claras deficiencias técnicas que invalidan os resultados.
  • Que, fronte ao establecemento de novas zonas de vertedura, se empregue preferentemente a zona E/8 para a vertedura en mar aberto.
        • Divulga ti tamén!