- Impulso no Congreso dos Deputados para recoñecer os dereitos das Tres Lagoas ibéricas
- Expertos e organizacións conversan sobre as diferentes vías legais para protexer e recuperar estas icónicas lagoas
Madrid, 23 de marzo de 2026. O Congreso dos Deputados acolleu a xornada “Aposta polo recoñecemento da personalidade xurídica das tres grandes lagoas ibéricas”, un encontro que reuniu a comunidade científica, organizacións sociais e representantes institucionais cun obxectivo claro: avanzar no recoñecemento das lagoas de Antela (Ourense), La Nava (Palencia) e A Janda (Cádiz) como suxeitos de dereito.
A xornada evidenciou un cambio de etapa. Tras décadas de sensibilización, denuncia e traballo no territorio, o foco sitúase agora en identificar vías xurídicas concretas que permitan protexer e restaurar estes ecosistemas de forma efectiva. Nun contexto marcado pola presión de intereses económicos, a debilidade dos consensos políticos e a percepción dunha insuficiente resposta institucional, o recoñecemento da personalidade xurídica emerxe como unha ferramenta innovadora e con capacidade de mobilizar á sociedade, seguindo o precedente do Mar Menor, primeiro caso en Europa.

Máis aló do ámbito xurídico, o debate puxo sobre a mesa a necesidade de impulsar un cambio de paradigma na relación cos humidais. A recuperación de Antela, La Nava e A Janda non só implica restaurar ecosistemas, senón tamén recuperar a memoria ecolóxica e cultural destes territorios e repensar o papel da auga, non como un simple recurso, senón como un sistema vivo. Neste sentido, destacouse o potencial destes procesos para xerar novas oportunidades de desenvolvemento sostible en zonas rurais, contribuíndo á dinamización de territorios afectados polo despoboamento.

A xornada puxo tamén de relevo a necesidade de construír unha narrativa capaz de conectar coa cidadanía, que vaia máis aló da linguaxe técnica e sitúe a conservación dos humidais como unha oportunidade tanxible e positiva. Mostrar os beneficios destes ecosistemas en termos de biodiversidade, auga e identidade cultural, así como o seu papel como motores do desenvolvemento local. Estes espazos convértense nunha ferramenta insubstituíble para xerar emprego, mellorar as condicións socioeconómicas das comarcas e facer fronte a un proceso de despoboamento que se mantén constante nos últimos anos. Todos estes elementos resultan clave para xerar un amplo apoio social, incluíndo ás comunidades locais e aos sectores produtivos.
Un dos principais consensos alcanzados foi a importancia da unidade de acción entre as entidades convocantes. Galicia, Castela e León e Andalucía comparten unha historia común de desecación de grandes humidais e afrontan agora un reto conxunto que transcende o local. Tal e como sinalaron durante a xornada, non se trata de tres casos illados, senón dun desafío de país vinculado á restauración ecolóxica e aos dereitos da natureza.

A xornada, organizada pola Asociación de Amigos da Lagoa da Janda, a Sociedade Galega de Historia Natural, Asociación de Naturalistas Palentinos, Iniciativa Natura, Ecologistas en Acción, Greenpeace, Ándalus, Fundación Savia, Nueva Cultura del Agua, AEMS Ríos con Vida, Banderas Negras e Alianza Mar Menor, concluíu cunha folla de roteiro orientado á acción, que pasa por manter a coordinación entre territorios, definir a estratexia xurídica máis adecuada, identificar aliados políticos e sociais, xerar apoio cidadán e explorar vías complementarias como a adquisición pública de terreos. O obxectivo é claro: transformar o consenso existente en avances concretos.
