No pasado 07/06/2026 xuntáronse tres ou quizais catro celebracións; o día do Medio Ambiente, a procura do abellaruco e, cousas que pasan, a data elixida coincidiu có día mundial do cirrio. Eso no ambiental, e no relixioso e festivo ese mesmo domingo no lugar de inicio da actividade; Vilardevós, tamén se celebraba o día do Corpus Cristi. Como noutras localidades varios grupos de persoas afanábanse en rematar as alfombras florais dando os últimos retoques por aquí e completando os motivos por acolá sorprendidos pola presenza dun grupo de curiosos que examinaban o traballo sen deixar de mirar para as anduriñas de cú branco e os seus niños nos que asomaban os polos pedindo o almorzo. Como sempre un pracer atopar pobos vivos e departir coa xente tratando de non interromper o seu traballo, certo é que nos recibiron afables, entre sorprendidos e agradecidos pola visita mentres avanzaban no seu labor.






Chegada a hora colléronse os coches que, en procesión, avanzaron polas estradas ata chegar á pista onde estaba prevista a observación dos abellarucos. Como sempre, con certa inquedanza dos organizadores porque estes grupos grandes de persoas soen ser ruidosos e non pasan desapercibidos; pero todo é cuestión de manter unha orde, unha distancia e estar en silencio … si é posible mentres se charla ou se descobren outras cousas da contorna. Despois de algo máis de media hora de espera escoitouse un abellaruco que sobrevoou o grupo tratando de valorar si había ou non perigo. Seguiron outros exemplares que se pousaban nos tendidos eléctricos disfrutando do seu almorzo, como se comprobou có telescopio e ampliando as fotos: algunha libélula, avespa, bolboreta, … Un ano máis, proba conseguida, un alivio para a organización sobre todo porque todos os participantes tiveron ocasión de ver e gozar da presencia de ata 5 exemplares, algún durante un longo tempo.



Xa en Lucenza e da mán de Fernando, organizouse o grupo para achegarse á veiga a ver as vacas e coñecer un proxecto singular que “naceu” do lume da serra do Larouco en 2015 e provocou una grande inquedanza en parte dos veciños que abordaron o problema desenvolvendo unha solución baseada no impulso da gandeiría en extensivo promovida pola comunidade de montes veciñais de Lucenza e grazas ao esforzo persoal dun pequeno grupo de persoas. A visita resultou moi instrutiva, interesante e ao tempo curta e xa quedamos emprazados para a seguinte visita alá para o outono coincidindo có día das aves migratorias.






Seguindo o programa, pola tarde visitáronse as diferentes pozas nas que se desenvolve o proxecto de recuperación das poboacións de nenúfar na Limia grazas ao convenio de colaboración de SGHN con Gemosclera dende o verán de 2023. O primeiro foi facer un repaso xeral do proxecto, as técnicas empregadas, as dificultades e os avances e resultados neste intre para ir visitando os distintos enclaves ao tempo que se gozou da observación dalgunhas especies presentes nas areeiras.



E así foi esta marabillosa xornada de convivencia, moitas grazas a todas as persoas que fixeron posible esta actividade, especialmente a Fernando como representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lucenza e a todos os participantes, sempre atentos ás indicacións da organización e dispostos a aprender algo máis do noso entorno, porque cada día do ano debera ser o día do medio ambiente.
