Avanzado o verán chega a xa tradicional cita coas bolboretas diurnas guiados pola sección de Entomoloxía da SGHN. Nesta ocasión visitamos outro lugar pouco coñecido da xeografía ourensá: Celaguantes (A Peroxa), tamén da man dos seus veciños.



E sendo o domingo día 19/07/2026, logo das presentacións de rigor de primeira hora, arranca a xeira por estes pequenos pobos (A Lamiña, Poín de Abaixo e Poín de Arriba) antano cheos de vida e adicados maiormente á producción de viño e hoxe rodeados polo arboredo entre o que se conservan algunhas hortas e pastos con certa humidade onde é previsible a presencia das protagonistas desta actividade atraídas pola diversidade de especies e pola auga tan escasa nos últimos meses.



Como ven sendo habitual dende o primeiro momento queda claro que probablemente non se vai completar o itinerario previsto pois a cada paso xorde algunha cousa que ver e comentar: diferentes tipos de bugallas dos carballos, eirugas alimentándose das madreselvas, varias arañas cós seus diferentes tipos de teas, grupos de subeliños e outras aves de bosque especialmente páridos …



Claro está que tamén van deixándose ver algunhas especies de bolboretas, moitas delas tan activas que resulta difícil a súa captura para repasar polo miúdo as súas principais características. E xa que se fala de captura, unha vez máis, hai que ter en conta que para a manipulación de especies silvestres é obligatorio contar cun permiso administrativo da Xunta de Galicia, permiso do que dispoñen varias das persoas participantes nesta actividade.



Paseniño transcurriu a mañá gozando do entorno e coñecendo algúns detalles sobre estes pobos e lugares da man de varios veciños da zona, apretando a calor e aproximándose a hora de xantar, non quedaba máis que volver ao punto de partida para tomar un descanso e repor forzas tranquilamente a sombra mentres se compartiron viandas, experiencias e anécdotas no Centro Sociocultural de Celaguantes, onde as persoas que o xestionan están a facer unha gran labor para manter viva esta zona.



Pola tarde houbo tempo para achegarse ata a Igrexa de San Xiao de Celaguantes e ao pazo de Celaguantes. O pazo, quizais mosteiro en tempos, pertenceu ao Mosteiro de Samos sendo centro de producción de viño, que se utilizou como escola ata os anos setenta do século XX e hoxe abandonado. O que se conserva das construccións: edificio principal, pombal, adega, eira, pon de manifesto a importancia deste punto e a súa riqueza e tamén fai pensar na súa situación de decadencia a pesar do traballo que están a realizar os veciños para tratar de deter a súa degradación.



E así foi esta xornada na que houbo tempo para aprender e coñecer algo máis da riqueza natural e cultural da nosa provincia. Moitas grazas a todos os participantes e as persoas que fixeron posible esta xornada de convivencia.




