Aves migratorias de outono 2026 coa AAVV de Lucenza

Tal e como quedaramos no verán volvemos a Lucenza para celebrar esta actividade onde xuntar aves, patrimonio natural e cultural no ámbito dun proxecto colectivo desenvolvido por persoas comprometidas có seu: a Asociación de Veciños de Lucenza.

O sábado 03/10/2026 xuntámonos onda o local da Asociación de Veciños, e a xornada comenzou cunha visita a algúns espacios senlleiros do pobo: o forno comunal, a igrexa, a praza có único canastro da contorna, unha sepultura antropomorfa, a fonte vella, o lavadoiro e os tanques para a rega dos predios e que hoxe tamén garanten a subministración de auga ao gando. Mentres as tipoloxías e estruturas das casas chaman a atención dos visitantes, os anfitrións (Fernando, Abdón e Chelís) relatan historias e momentos doutros tempos mesturados coas novas propostas e proxectos futuros cós que tratan de manter viva a esencia do seu pobo.

Básicamente, sendo esta un área de alta intensidade incendiaria, os veciños de Lucenza puxeron en marcha un proxecto de gandeiría en extensivo en colaboración coa CMVMC de Lucenza, recuperando os usos gandeiros no monte comunal. A data de hoxe manteñen un rebaño de 150 vacas cachenas e unha manda dunha ducia de cabalos de pura raza galega cós que xestionan o territorio mantendo un control xeral sobre a vexetación arbustiva creando áreas abertas de apoio para facilitar os traballos de extinción no caso de producirse algún lume forestal, e novas infraestructuras que facilitan o acceso rodado a áreas ata hai pouco só accesibles a pé. O proxecto ven medrando dende 2017 sendo hoxe o marco no que se desenvolven diversas actividades de divulgación e base para outra actividade gastronómica: a festa da cachena de Cualedro.

O proxecto naceu como resposta á grave situación xerada polos incendios forestais de 2015 na Serra do Larouco e o ano pasado na vaga de lumes de agosto de 2025 en Ourense volveron a vivir momentos moi complicados tratando de conter o avance das lapas que lles chegaron moi preto da nave das vacas, da capela de Santa Marta e do propio pobo e que contaron non poder atallar nin có apoio destes espacios pastoreados nin das novas infraestructuras dispoñibles.

A medida que se avanza polos distintos camiños e pistas coñecendo os logros e inquedanzas dos veñciños de Lucenza escrútanse os ceos, as pedras, as árbores na procura das aves que son o obxectivo deste día. Tal e como nos contan os amigos de Lucenza nestes últimos anos teñen constatado que nos predios onde se move o gando hai maior presenza de aves e doutras especies de animais, que eles vencellan có cambio nas condicións destes lugares pola diversidade de vexetación e a presencia de gando, unha das cousas que máis chaman a atención dos visitantes, sobre todo dos ornitólogos, é a presenza de grupos de lavercas cada vez máis escasas.

No xacemento e capela de Santa Marta, queda tempo para falar das lendas da orixe de Lucenza e das historias e peculiaridades deste lugar especial para os veciños de Lucenza. Disfrutamos do xantar ao carón do local social da AV de Lucenza mentres as nubes tormentosas ían formándose na contorna e había que avaliar o programa da tarde por si o tempo se complicaba.

Finalmente acordouse visitar outro punto de interese: o castro de Saceda. O castro está nun outeiro cónico aos pés da Serra do Larouco nun espacio aparentemente accesible defendido por unhas impresionantes murallas dentro das cales se ubican estruturas de planta redonda e rectangular, algunhas cun anel perimetral para mellorar o seu illamento e que, ademaáis, carecen de porta de acceso e se relaciona coa súa función de almacenamento de gran.

Estando aos pés da Serra do Larouco toca falar do deus Larouco, dos seus atributos e … por qué non … subir ata a serra para despedir dende alí a visita e agradecerlle a súa protección para conter as treboadas na perifieria e permitir disfrutar dos últimos momentos da tarde visitando o neveiro, as formacións rochosas da serra, a Pena Muller, e … tamén observar longamente unha águia real pousada na súa atalaia baixo a mirada dos participantes nesta actividade.

Unha vez máis unha fantástica xornada de convivencia e aprendizaxe coa participanción dos amigos de Lucenza; moitas grazas a todos e especialmente a Fernando, quen nos acompañou todo o día e se adaptou ao noso ritmo lento sempre na procura de calquera tipo de bicho … aves, anfibios e réptiles, e … arácnidos. Moitas grazas e … ata a próxima.

  • Divulga ti tamén!