A proposta para o 14/11/2026 resultou un pouco diferente do habitual, pois acolleu dúas actividades ben diferentes: o achegamento á figura de Alfred Russel Wallace e unha visita á lagoa de Cospeito.
Exposición “Wallace e a orixe das especies”
Comenzou a xornada no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) para visitar a exposición “Wallace e a orixe das especies”. O MIHL é un espazo expositivo cuns medios magníficos para acoller esta mostra, na que se desgranan os fitos e aportacións de Wallace a través de medios audiovisuais, paneis explicativos e expositores nos que se poden observar documentos, ilustracións e especímenes de diversas especies. Hai que recoñecer que a exposición está moi ben montada e organizada pero, como moitos comentaron, gana moito cando a visita é dirixida por un acompañante que vai levando o fío histórico e o avance dos descubrimentos do protagonista da exposición; ese intrépido, curioso e observador Alfred Russel Wallace considerado co-descubridor xunto con Charles Darwin da teoría da evolución por selección natural e pai da bioxeografía.














Na lagoa de Cospeito
E nada mellor que completar o día que disfrutando da biodiversidade en calquera das súas expresións, nesta ocasión na lagoa de Cospeito, unha zona húmida de grande interese para as aves e tamén para a flora. Chegando ao aparcamento os cans de caza que corretean oubeando polas estradas indican claramente a presenza nas inmediacións das lagoas de varias cuadrillas de caza do porco bravo, cousa a ter en conta nos desprazamentos polos camiños para achegarse aos diferentes observatorios.


Antes do xantar realizase unha primeira toma de contacto có espazo desde o primeiro miradoiro, destacando a presenza na lagoa grande de mergullete común, unhas poucas cercetas euroasiáticas, e especialmente unhas … arceuchas das brañas descubertas agochadas entre a vexetación. Sobrevoando as augas un grande grupo de corvo viaraz xunto con grupos de patos posiblemente espantados polos cans dos cazadores.


Seguido do xantar iniciase o percorrido polo camiño perimetral para acceder aos observatorios na procura de aves e disfrutando das cores do outono e da aparición das setas que empezan a asomar baixo as follas e a herba. Destaca neste paseo a observación dunha femia de parrulo de ollos dourados e dous gansos bravos que recén chegaron voando.



Tranquilamente foi pasando a tarde que se rematou coa distribución dos primeiros calendarios SGHN 2027 recén chegados do prelo e o remate da xornada comentando temas varios e planificando algunhas outras actividades. Outra xornada de aprendizaxe e posta en común para afondar no coñecemento do noso entorno. Grazas ao noso guía da xornada o compañeiro David e a todos os participantes na xornada.

