SGHN solicita a caducidade da concesión de augas para a Fábrica de Luz en Lugo

Lugo, 23-07-2017

Con data 01-12-2015, SGHN dirixiuse á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (en adiante CHMS), como órgano substantivo no expediente de declaración de impacto ambiental do proxecto de rehabilitación da minicentral hidroeléctrica Fábrica da Luz, e ampliación do caudal en 11.000 l/s (dun aproveitamento de 7.000 l/s de auga do río Miño) en Castro Romai, termo municipal de Lugo, promovido polo Concello de Lugo (BOE 189, 08-08-2012), solicitando:

  • A paralización inmediata e permanente das obras, executadas incumplindo o condicionado da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), e a reversión das actuacións ao estado orixinal do treito fluvial.
  • A revisión de oficio e anulación da Resolución de Impacto Ambiental ao ser totalmente contraria á normativa ambiental (DC 92/43/CEE, Lei 42/2007, Lei 9/2001Decreto 72/2004).

Ao incumprimento do condicionado da DIA, o Concello de Lugo engadiu o incumprimento das condicións e prazos polos que se lle autorizou a modificación das características da concesión para o aproveitamento hidroeléctrico, pois o 12-11-2016 venceu o prazo de 18 meses para a execución das obras (Condición específica 2ª da Resolución da CHMS do 06-05-2015), sen que, conforme ao establecido no Artigo 155.1 e 155.2 do RD 849/1986, do Regulamento do Dominio Público Hidráulico, se solicitase a suspensión de prazos ou unha prórroga para a execución das obras.

Ao incumprir sen xustificación obxectiva algunha os prazos de execución, son de aplicación as Condicións xerais 21ª e 22ª da Resolución da CHMS do 06-05-2015, así como o establecido no Artigo 66 do RDL 1/2001 (texto refundido da Lei de Augas) e no Artigo 162 do RD 849/1986 (Regulamento do Dominio Público Hidráulico), que determinan as circunstancias polas que se pode declarar a caducidade dunha concesión.

Por todo o anterior, SGHN ven de solicitar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (PDF) que RESOLVA aprobar o expediente H/27/93-0218, iniciado de oficio para declarar a extinción do dereito ao uso privativo das aguas para a produción de enerxía eléctrica na central de Fábrica da Luz no río Miño en Castro Romai, por incumprimento dos plazos previstos na concesión ao Concello de Lugo.