Parque eólico Mouriños (Cabana de Bergantiños e Zás)

Lamentablemente, o proxecto de P.E. Mouriños continúa coa “tradición” da mala, ou nefasta, avaliación de impacto ambiental dos parques eólicos en Galicia. Así:

  • Avaliou de xeito moi incorrecto o impacto do parque eólico sobre a paisaxe:
    • Ao considerar nas análises de cuncas visuais unha altura media do aeroxeneradores de só 84 m (a altura ata o buxe) e non a altura total real dos aeroxeneradores (151 m na posición máis alta das pas dos rotores).
    • Ao non avaliar o impacto paisaxístico do parque eólico dende un dos miradores naturais máis coñecidos e apreciados da contorna: o situado no cumio do Monte Branco.
  • Avaliou de xeito claramente deficiente a fauna de aves e quirópteros, e por tanto o impacto potencial do parque eólico sobre eles, pois os traballos de campo se realizaron só nun mes (setembro de 2016) e non ao longo dun periodo anual completo. Ademais, pretende facer pensar que a mortalidade de vertebrados voadores por colisión contra os aeroxeneradores será moi baixa pero, en base as estimacións de Atienza et al. (2011) de que entre aves e morcegos en España morren de 153 a 551 individuos/Mw/ano, a mortalidade de vertebrados voadores ocasionada polas instalacións eólicas proxectadas (con 9,61 Mw) estaría entre 1470 e 5295 individuos anualmente.

Nas alegacións que ven de presentar diante da Consellería de Economía, Emprego e Industria (PDF) e da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (PDF), SGHN solicita:

  • Que o Estudio de Impacto AmbientalAvalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre:
    • Os hábitats de interese comunitario e de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE).
    • A paisaxe dende os miradores naturais máis coñecidos e apreciados da contorna, nomeadamente o situado no cumio do Monte Branco e tendo en conta a altura total real dos aeroxeneradores (151 m).
    • TODAS as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Amenazadas (Real Decreto 139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007).
    • Aa mortalidade de vertebrados terrestres nos viais de acceso (atropelo e atrapamento en gabias, taxeas, pasos canadienses, etc.) e dos vertebrados voadores contra os aeroxeneradores e os tendidos eléctricos.
  • Que se esixa ao promotor do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife (véxase Atienza et al., 2011) e da Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Murciélagos (SECEMU; véxase González et al. 2013) para reducir o impacto do parque eólico sobre as poboacións de aves e de quirópteros.
  • Que se esixa ao promotor do proxecto a implementación dun Programa de Vixilancia Ambiental rigoroso que require prospeccións quincenais en inverno, semanais en primaveira e outono, e cada dous días en verán ( véxanse Atienza et al., 2011; González et al. 2013).

Para saber máis:
Atienza, J.C., I. Martín Fierro, O. Infante, J. Valls y J. Domínguez. 2011. Directrices para la evaluación del impacto de los parques eólicos en aves y murciélagos (versión 3.0). SEO/BirdLife, Madrid.
González, F., Alcalde, J. T. & Ibáñez, C. (2013). Directrices básicas para el estudio del impacto de instalaciones eólicas sobre poblaciones de murciélagos en España. SECEMU. Barbastella, 6 (núm. especial): 1-31.