Alegacións á planta solar fotovoltaica da Gudiña

SGHN ven de solicitar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que desbote total e definitivamente o proxecto PFot611 para instalar unha planta solar fotovoltaica en A Gudiña (Ourense) polas seguintes razóns.

Impactos inaceptables sobre os solos

Baixo os auspicios da Unión Internacional de Ciencias do Solo e co apoio unánime da Conferencia da FAO, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas instaurou o 5 de decembro como Día Mundial do Solo, que se celebra desde 2014 para chamar a atención sobre a importancia duns solos sans e avogar pola xestión sostible dos recursos do chan.

Xa nos materiais divulgativos editados con motivo do Día Mundial do Solo de 2016, a FAO destacaba os impactos negativos da selaxe do solo ou “Cobertura permanente da superficie do solo con material artificial impermeable, dando lugar a perda non reversible do solo e a maioría dos seus servizos ecosistémicos … perdas de produción de alimento e fibra, perda significativa ou total de retención de auga no solo, capacidade de neutralización e purificación reducida e redución da capacidade de secuestro de carbono.”

Uns solos sans e o uso sostible dos solos son imprescindibles para alcanzar 7 dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas. Tanto na Estratexia temática da UE sobre a protección do solo como na Proposta de resolución do Parlamento Europeo sobre a protección do solo (2021/2548(RSP)) destácase a urxente necesidade de previr ou minimizar a selaxe de solos co obxectivo de non ocupación neta de terras en 2050.

Existindo en Galicia e o resto de España milleiros de hectáreas de tellados que poderían acoller placas solares fotovoltaicas en naves de diversos tipos (industrias, granxas, polideportivos, gasolineiras …), así como en edificios en zonas sen valores patrimoniais, ademais de terreos industriais degradados, resulta totalmente absurda e inaceptable a pretensión de destruír solos naturais ou cultivados (recurso non renovable a escala de tempo humana) para instalar plantas solares fotovoltaicas, por moi renovable que sexa este tipo de enerxía.

Impacto crítico sobre unha especie en perigo de extinción

A planta solar fotovoltaica tería un impacto inaceptable sobre unha das tan só 6 parellas de aguia real (Aquilachrysaetos) existentes en Galicia, onde está incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de “En perigo” pois:

  • As propias instalacións da planta situaríanse parcialmente dentro da área de campeo da parella de aguias reais (nun radio de 5 km desde o niño).
  • A liña de evacuación prevista atravesaría ao longo dun 15 km a área de campeo, penetrándose mesmo nun radio de menos de 3 km desde o niño. Para maior absurdo, a liña prevista discorrería paralela a outras existentes en practicamente todo o seu trazado.
Niño de aguia real (Aquila chrysaetos) en Ourense