Ameaza de avalancha de granxas de visóns americanos

O visón americano e a peletería

O visón americano (Neovison vison) críase pola súa pel en Norteamérica dende hai alomenos 130 anos e en Europa dende os anos 20 do século pasado. As primeiras granxas peleteiras desta especie en España instaláronse en Segovia en 1958 e en Pontevedra en 1959. En 1992 chegou a haber 214 granxas activas en España, cifra reducida a 37 en 2011, das cales 29 están en Galicia.

Ademais dos conflictos éticos que de por si plantexa críar animais para peletería, cando se trata dunha especie fóra do seu ámbito de distribución natural pode provocar graves impactos ambientais. No caso do visón americano estes impactos derívanse do comportamento moi invasor das poboacións cimarronas establecidas a partires dos exemplares que chegaron ao medio natural froito de escapes accidentais ou das nefastas “liberacións” masivas feitas por auténticos “ecocidas”.

Sete anos clamando no deserto da administración

Pola súa forte competencia con especies autóctonas e depredación doutras, a traverso do seu vogal no Consello Galego de Medio Ambiente en Desenvolvemento Sostible e no Observatorio Galego da Biodiversidade, SGHN ven reclamando dende hai máis de 7 anos que as granxas de visón americano se consideren instalacións de risco para a conservación da biodiversidade autóctona e se adopten medidas axeitadas para evitar o seu tremendo impacto ambiental.

Como mostra dos xa graves problemas derivados das granxas de visón americano, baste sinalar que chegaron exemplares a nado ata o Parque Nacional das Illas Cíes onde están a causar unha debacle nas poboacións do ameazado corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis). Estes problemas poderían agravarse moi seriamente nun futuro próximo pois as novas que se están a producir nos últimos meses apuntan a unha estratexia para incrementar o número e o tamaño das granxas de visóns en Galicia. Así, SGHN ven de presentar alegacións:

  • Ao “Proxecto de construción de naves para cría de visóns” (Forcarei, Pontevedra) promovido por Celtik Mink SL, con capacidade para 9.472 nais, 1.890 machos e 43.192 crías.
  • Á construción de naves agrícolas para ampliación de explotación de cría de visóns no lugar de Monte Xalo (Carral), promovida por Rodríguez Lameiro Mink, S.L.

Bó para Holanda, moi malo para Galicia

Ademais, segundo nova publicada na prensa o 09-10-2013, hai un proxecto das empresas Saga Furs e Agapel Pelting para instalar unha granxa de visóns en A Baíña (Concello de Agolada) con capacidade para producir 50.000 peles ao ano. Precisamente na web de Saga Furs afírmase textualmente que “Nos últimos anos houbo fortes investimentos en España procedentes doutros países europeos, moi especialmente Holanda”. Holanda é o terceiro produtor mundial de peles de visón, pero o 18-12-2012 aprobou a prohibición das granxas de visón a partires de 2024, sumándose así ao Reino Unido, Austria, Suiza e Croacia. Unha boa nova para a biodiversidade autóctona holandesa, pero non para a galega se hai un desplazamento da produción a Galicia nas condicións actuais de carencia de bio-seguridade nas granxas.

Posición de SGHN sobre as granxas de visón americano

Á vista destes indicios máis que razoables dunha proliferación de proxectos de novos granxas de visóns americanos e ampliación das existentes, SGHN ven de solicitar á Directora Xeral de Conservación da Natureza (PDF) que convoque unha xuntanza extraordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade para debater as condicións de seguridade para a biodiversidade nas granxas de visóns e a proposta de SGHN de que:

  • Todos os animais reprodutores estean obrigatoriamente provistos dun collar con radiotransmisor que permita a súa localización, captura e erradicación en caso de que cheguen ao medio natural.
  • Todos os animais non reprodutores sexan esterilizados ao nacer ou estean provistos dun radiotransmisor como o indicado no punto anterior.
  • As empresas propietarias das granxas contraten un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a todos os gastos que as Administracións públicas teñan que efectuar para localizar, capturar e erradicar os visóns fuxidos ou “liberados” da granxa.