É unha das bolboretas máis comúns de Galicia. Taxonomicamente forma parte da Familia Pieridae, familia á que pertencen as bolboretas da col, como Artogeia e Pieris. No Leste galego podemos atopar unha especie semellante, trátase de Colias australis Verity, 1905, que se pode distinguir externamente de C. crocea pola ausencia dun ribete negro, situado no anverso das ás posteriores, na marxe externa destas.
Os tres pares de patas son funcionais, característica da Superfamilia Papilionoidea, e dúas veas anais na á posterior (Familia Pieridae), os vermes son verdes cunha liña marela lonxitudinal.
É unha especie de constitución forte, capaz de realizar grandes migracións, xa que os exemplares presentes nas illas Británicas e norte de Europa, son migrantes do sur. A cor básica das ás é o marelo, cunha serie de manchas negras. Hai femias que presentan unha coloración máis pálida (forma helicinaOberthur) e tamén brancuzada (f. helice, Huebner), está última representa aproximadamente un 10% da poboación -varía segundo as poboacións e é xeneticamente dominante.
A presencia de imagos é practicamente ininterrompida durante todo o ano, sendo as citas máis temperás e tardías o 3 de xaneiro e o 12 de santos, respectivamente, o que implica un solapamento do período de vóo, que se explica pola presencia de adultos invernantes que se ven os días soleados de inverno.
Segundo a bibliografía, en Galicia desenvólvense de 3 a 4 xeracións. A fenoloxía observada,segundo os datos que dispomos polo programa ESENGA, implica un solapamento destas, cun pico que vai dende san xoán ata agosto, con presencia moderada en maio e setembro non producíndose diapausa estival. Outra posibilidade que nós plantexamos é que existan menos xeracións e que a presencia nun amplo espacio temporal de imagos recén eclosionados corresponda a movementos migratorios localizados, mesturados cun diferencial no desenvolvemento a adultos en distintas zonas. Primeiro estaría o desenvolvemento de exemplares ó ritmo dado por un hábitat e condicións atmosféricas, ós individuos adultos presentes se engadirían os provintes doutras zonas, que se terían desenvolvido antes ou despois, segundo circunstancias microclimáticas, favorecendo o efecto de varias xeracións nun mesmo punto.
Os hábitats axeitados son os abertos, polo que é doada de ver polos camiños e prados, onde as eirugas alimentanse de Trifolium pratense e T. repens.
A altitude non é limitante da distribución en Galicia; a nivel europeo considérase limitada ós 2.000 metros de altitude.
A distribución abarca Europa, excepto os países escandinavos, e chega ata Rusia e Oriente Medio, tamén se distribúe polo norte de África e illas mediterráneas. A maior parte desta distribución é debido a exemplares migrantes, xa que a cría é fundamentalmente a cunca mediterránea e a Península Ibérica, incluída a costa atlántica e cantábrica.
Xosé Lois Rey Muñiz