Avances no coñecemento das especies exóticas invasoras en Galicia

Organizada pola Delegación de Ferrol da SGHN, dentro do ciclo Xuntanzas Naturalistas patrocinado pola Deputación da Coruña, a impartirá o botánico Jaime Fagúndez o vindeiro venres 14 de xuño ás 19:30 no salón de actos do Museo de Historia Natural de Ferrol.

As especies exóticas invasoras constitúen un dos maiores expoñentes da influencia humana no planeta nos tempos do Antropoceno. Plantas e animais doutros lugares ocupan hoxe unha gran parte da nosa paisaxe, desprazando as comunidades nativas e causando desequilibrios nos ecosistemas con consecuencias difíciles de predicir. Nesta ponencia, Fagúndez explicará algúns casos de especies invasoras de Galicia e como traballa en diferentes liñas de investigación para mellorar o coñecemento e propoñer medidas de xestión que mitiguen os efectos negativos que producen.

Jaime Fagúndez é profesor titular de botánica da Facultade de Ciencias e CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) da Universidade da Coruña, e conta con máis de 25 anos de experiencia e máis de 60 publicacións científicas e numerosos proxectos dirixidos. Entre as súas liñas de investigación atópanse os traballos sobre flora e vexetación, conservación e xestión de hábitats, estudos sobre as queirogas europeas, e as especies exóticas invasoras. É coautor do libro “Plantas invasoras de Galicia: bioloxía, distribución e métodos de control”, un referente sobre o tema na comunidade. A súa orixe vencellada á cidade de Ferrol levouno a estudar tamén a flora do municipio, da que publicou un catálogo no ano 2011.