SGHN ven de respostar á solicitude de informe sobre autorización ambiental integrada e avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto de planta de produción de hidróxeno renovable, promovida por Eólica de Cordales Bis, SL nos concellos de Guitiriz (Lugo) e Aranga (A Coruña). Un proxecto que contempla:
- O autoconsumo (20 Mw) da enerxía eléctrica xerada polo Parque Eólico Cordal de Montouto (33 Mw), apoiada con electricidade dende a rede cando a xeración dende o propio parque eólico asociado sexa insuficiente.
- A captación anual de 57.513 m3 de auga (158.000 litros diarios) para producir 2.300 toneladas de hidróxeno, empregando 20 litros de auga por kilogramo de hidróxeno, dos cales 10 se consumen no electrolizador e 10 se rexeitan e verten.
- O traslado diario en camión(s) do hidróxeno producido (7.878 kg), o cal necesariamente tería que ser por viais que atravesan núcleos habitados.
SGHN considera moi inaxeitada a ubicación prevista para a planta de produción de hidróxeno ao situarse en parcelas rústicas agrarias, nas cabeceiras de senllos afluentes dos ríos Mandeo e Parga, e a uns 700 m do encoro de San Xoán, que abastece a poboacións do concello de Guitiriz. Por iso, resulta incomprensible e inaceptable que o proxecto non avalíe o impacto do consumo de auga (na actualidade e nun escenario de cambio climático) sobre o abastecemento humano e a biodiversidade (flora e fauna) nas cabeceiras dos afluentes do Mandeo e o Parga.
Igualmente inaceptable resulta que o proxecto non avalíe os riscos de tránsito diario de camións cargados con hidróxeno a traveso de núcleos habitados. Por todos istes motivos, SGHN solicitou que se desbote o proxecto no emprazamento previsto.