- Un proceso industrial con alto consumo de recursos que traerá máis eucalipto
- A área de implantación da fatoría acolle a hábitats únicos e especies en perigo de extición
As entidades ADEGA, SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía), Grupo Naturalista Hábitat e AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio) denunciamos os graves impactos ambientais que a instalación dunha fatoría de fibras téxtiles de 122 hectáreas da multinacional Altri vai provocar na comarca da Ulloa.
“Lyocell”, un tecido que fai augas a base de máis eucalipto…
O “Lyocell” ou “Tencel” é unha fibra téxtil elaborada a base de restos vexetais que a empresa Altri obtén da madeira de eucalipto. A base do negocio nas súas primeiras etapas (obtención da materia prima, transformación inicial e procesamento da madeira para a obter polpa) é indistinguíbel dunha celulosa para a fabricación de pasta de papel.
O volume de auga mínimo preciso para producir unha tonelada de Lyocell supera os 1.500 m3 abeirando os 2.500 m3. Segundo informacións de prensa, Altri prevé que a planta producirá 200.000 toneladas de Lyocell ao ano, ou o que é o mesmo, que consumirá anualmente case 500 millóns de m3 de auga. De onde se va extraer ese enorme volume de auga? A poboación de Palas de Rei (3.414 habitantes) tardaría máis de 3.200 anos en consumir esa cantidade de auga considerando un consumo diario por persoa de 125 litros.
Basear a produción téxtil no eucalipto provocará ademais unha maior extensión desta especie exótica invasora en Galiza e propiciará novas plantacións ilegais, como as que se están a producir actualmente en plena “moratoria feijoniana”. Con Altri demandando eucalipto para cubrir a produción das 200.000 toneladas/ano de Lyocell na planta de Palas, é moi probábel que as 650.000 hectáreas desta árbore que arestora temos xa en Galiza cheguen ao millón. Polo camiño ficará unha biodiversidade estragada, terras de cultivo derramadas, a paisaxe ferida e aumentará risco de grandes incendios. É rechamante que a multinacional Altri busque instalarse en Galiza, terra politicamente abonada ao eucalipto, logo da contestación social e política e o freo ao cultivo desta especie acontecido en Portugal polo devastador incendio de Pedrógão Grande en 2017.
Un punto quente de biodiversidade ameazada, en risco por unha macrofábrica
A localización escollida (A Vacariza, que noutros lugares figura como Finca Rioseco), foi propiedade do gandeiro Leandro Quintas (1937-2022) que quixo convertela nun gran couto de caza, e finalmente destinouse ao vacún. A pesares da destrución de hábitats naturais no seu seo (o máis recente a roza dunha matogueira con endemismos florísticos para plantar piñeiros) é un espazo de alto valor ambiental, contiguo á Rede Natura 2000 (LIC Serra do Careón), e dentro das unidades ambientais da Rede Natura identificadas pola Xunta con hábitats prioritarios. É pois un espazo candidato a formar parte da ampliación da Rede Natura 2000 en Galiza, insistentemente reclamada pola Comisión Europea (hai un procedemento de infracción aberto) e desouvida por Feijóo durante todo o seu mandato. A súa relevancia para o mantemento da biodiversidade da Ulloa ten sido posta de manifesto nunha recente publicación do Instituto de Estudos Ulloáns (1).

Ademais a parcela acolle a numerosas especies ameazadas, varias delas endemismos únicos no mundo. Por ejemplo, entre as aves, están presentes de forma regular especies catalogadas ameazadas en Galicia (2) como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus); outras oito consideradas en perigo de extinción en España (3) seguindo criterios da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN); e até 17 especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat segundo a Directiva 2009/147/CE da Unión Europea (4).
Entre os anfibios destacan polo menos dous catalogados ameazados en Galicia (2): a rela (Hyla molleri) e a rá patilonga (Rana iberica).
Polo que atinxe á flora, e ademais de numerosas plantas moi raras en Galiza, dentro da parcela aparecen catro especies endémicas e exclusivas (a nivel mundial) dos afloramentos serpentiníticos da área de Melide: a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi); a magarza de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) e a santolina de Melide (Santolina melidensis) as tres en perigo de extinción; e unha vulnerable, a Centaurea gallaecica.
En resumo, unha macrofábrica sedenta de auga e eucalipto proxectada nun dos piores sitios posibles da comarca. Cantas veces imos asistir á repetición dos erros cometidos con modelos como o de ENCE?
Asinan
- ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
- SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
- SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía)
- Grupo Naturalista Hábitat
- AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio)
Referenzas:
- Cairón nºV: Catálogo aberto da fauna de vertebrados da Ulloa, pp 166-193 (mención á finca de Quintas nas páxinas 169-170).
- Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.
- Libro Rojo de las Aves de España, SEO-BirdLife, Madrid (2021). Serían o falcón pequeno (Falco subbuteo), picanzo real (Lanius meridionalis), lagarteiro (Falco tinnunculus), paspallás (Coturnix coturnix), papuxa do mato (Sylvia undata), escribenta amarela (Emberiza citrinella), picapeixe (Alcedo atthis) e becacina (Gallinago gallinago).
- Directiva 2009/147/CE do Parlamento europeo e do Consello, de 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres.