Cometa Neowise

Durante o pasado mes de xullo puidemos gozar, despois de 23 anos, da visita dun cometa visible a primeira ollada, o cometa NEOWISE, que está a fascinar aos observadores do ceo nocturno en todo o hemisferio norte.

O nome oficial C / 2020 F3 (NEOWISE) dinos moitas cousas sobre a súa orixe e o seu descubrimento.  A “C” indica que se trata dun cometa non periódico, ou cun período orbital relativamente longo (miles de anos). “2020” indica o ano en que se descubriu o cometa. A “F” revela o medio mes do descubrimento, que corresponde á segunda quincena de marzo (descuberto o día 27). “NEOWISE” é o descubridor: o telescopio espacial da NASA o “WISE”, un buscador de asteroides, de aí NEO (novo).

A súa máxima aproximación ao Sol foi o 3 de xullo, pasando a menos de 43 millóns de quilómetros, e á Terra o 23 de xullo a 102 millóns de quilómetros. Estímase que a súa órbita é duns 7.000 anos. Agora dirixese á súa orixe, A Nube de Oort, cunha velocidade de 64 quilómetros por segundo. O seu núcleo, de xeo e rochas, ten un tamaño aproximado de só 5 quilómetros.  Ten dúas colas perfectamente visibles, como podemos apreciar na fotografía dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da SGHN en Meiras o pasado 16 de xullo. Unha das colas é de po e gas, e a “cola de ións” feita de moléculas de gas cargadas eléctricamente. Crese que pode ter unha terceira cola de sodio atómico.

Durante o mes de agosto atoparase nas constelacións da Cabeleira de Berenice e de Virgo. A súa magnitude será de case 4,5 o que dificultará a súa visión, pero cuns simples prismáticos poderemos seguir gozándoo.