Conferencia sobre o arroaz ‘Confi’

Nesta conferencia o Dr. Alfredo López da CEMMA abordará os acontecementos na vida do arroaz Confi, os conflitos que xurdiron, o seguimento realizado e as pautas a seguir con estes casos.

A actividade será ás 19:30 do vindeiro venres 26 no auditorio do Museo de Historia Natural en Canido (Ferrol), e a mesma forma parte do ciclo “Xuntanzas Naturalistas” previsto e organizado pola delegación de Ferrol da SGHN, baixo patrocinio da Deputación da Coruña. Non é preciso realizar inscrición previa e a entrada é de balde ata completar o aforo. 

Sobre “Confi“

Os arroaces solitarios son o resultado dunha complexa relación da sociedade dos cetáceos no que un exemplar remata vivindo, temporal ou permanentemente, afastado da súa manda. 

En 2019 aparece en Portosín un exemplar que foi avanzando nas progresivas fases de arroaz solitario chegando en setembro de 2020 á categoria de “embaixador”, momento no que socializou estreitamente cos humanos. A partir dese momento o que era unha idílica relación entre humanos e cetáceo converteuse nun verdadeiro suplicio para o arroaz, chegando a ser molestado e agredido. Esta situación levantou unha forte polémica ao impedir o arroaz o desenvolvemento normal das actividades extractivas marisqueiras a causa da súa reiterada interacción.

A proximidade de CONFI cos humanos era unha situación de alto risco, estando en perigo en moitas ocasións e morrendo nun accidente cun barco en xuño de 2025. 

  • Divulga ti tamén!