Día Mundial do Pardal

Hoxe vinte de marzo celebrase o día mundial do pardal (Passer domesticus), e dende SGHN queremos facernos eco da difícil situación desta pequena ave outrora tan común e que está a ver como as súas poboacións diminúen ano tras ano de xeito preocupante.

Orixe, expansión

O pardal é unha especie fortemente ligada ó ser humano ata o punto de que a súa conducta modificouse enormente durante esta longa convivencia, e xa é moi difícil atopalo fora das nosas vilas ou cidades.

Orixinario do Oriente Medio, o pardal foi pouco a pouco colonizando a maior parte do planeta sempre ó noso carón, primeiro coa expasión da agricultura e xa en tempos recentes con introduccións máis ou menos voluntarias.

… e declive

A saúde das súas poboacións é unha clara testemuña do estado de saúde dos nosos ecosistemas urbáns, e o seu declive estanos a advertir de que algo non está a funcionar ben. Se as cidades non son habitables para estas aves , dificilmente o serán para o resto de especies que nos acompañan e rematarán por non selo para nos mesmos. Cidades como Londres xa están valeiras dos seus cantos e do seu constante rebulir, e se non pomos remedio a non moito tardar nós seguiremos o seu camiño.

A súa desaparición está a acender as alarmas da conservación. Según estimacións de SEO, na década 2008-2018 as poboación de pardal común diminuiron en España en 30 millóns de exemplares, e os datos a nivel
europeo non aportan esperanza, cunha diminución do 60% nos derradeiros trinta anos.

Son moitas as causas que apuntan a este dramático declive. Entre elas toman especial importancia a contaminación tanto atmosférica como lumínica. Tamén a falla de ocos nas nosas edificacións para que acollan os seus niños. A proliferación de pesticidas é outra destas causas probables, máxime se temos en conta que os pardáis son aves granívoras pero alimentan ós seus polos con insectos para garantirlles un aporte de proteína. A deficiente alimentación dos polos e mesmo dos adultos, a forte carga de estrés por vivir en cidades cheas de ruido e coches, ou mesmo a expansión da malaria aviar como unha consecuencia máis do cambio climático, están detrás da desaparición do pardal.

Paga a pena defender a esta pequena ave que está a compartir o noso destino e que día tras día lémbranos que a natureza existe neste mar de formigón e ruido que son as nosas cidades.

Paga a pena defendela e reconciliarnos coa vida.