Espazo profundo: Nebulosa do Anel M57

No coñecido asterismo do Triángulo de Verán atópase a constelación da Lira, nela atopámonos con M57, a primeira nebulosa planetaria descuberta, chamada así polo seu parecido aparente a un sistema planetario.

Atópase a 2.300 anos luz, a súa magnitude é de 8,8, e o seu tamaño aparente é de 1,5 por 1 minutos de arco, que equivalen a 1,3 anos luz. Foi descuberta de forma independente aínda que simultanea en xaneiro de 1779, polos astrónomos franceses Antoine  Darquier de Pellepoix e Charles Messier que a introduciu no seu catálogo como M57. O nome de  Nebulosa do Anel é polo seu gran parecido cun anel. Ten outros nomes como: Messier 57, NGC 6720, GC 4447, GSC2, N0223131306, entre outros.

M57 son os restos dunha estrela xigante vermella moribunda que expulsou o gas ionizado que deu orixe á nebulosa, e o resto da estrela converteuse nunha anana branca, un remanente de denso material estelar de aproximadamente o tamaño da Terra. Esta formación ocorreu fai uns 7.000 anos. A nebulosa expándese a unha velocidade de 30 km/s. E isto é o que lle vai a ocorrer á nosa estrela o Sol dentro duns 5.000 millóns de anos.

A  Nebulosa do Anel é unha das nebulosas planetarias máis coñecidas e utilizada frecuentemente como modelo. Para localizala debemos atopar a constelación da Lira e a súa estrela máis brillante Vega, baixo ela atópanse moi próximas as estrelas Sulafat e Sheliak e case no medio delas está M57, podédela ver cun telescopio mediano. De momento convidámosvos a coñecela coa foto dos nosos compañeiros de Fotografía Ferrolterra e da  SGHN.