Este ano só queda unha parella de píllara das dunas en Ferrol

A Píllara das dunas, Charadrius alexandrinus, é unha das escasas especies limícolas aniñantes en Galicia. Nos dous últimos anos unhas 80 parellas elixiron 21 praias, a maioría na provincia da Coruña, seguida de Pontevedra, estando ausente en Lugo e o norte ortegano. O tamaño ideal da poboación galega sería de 250, moi lonxe da realidade actual. Por tal motivo aprobouse un Plan de Protección, sendo unha das escasas especies amparadas por unha destas ferramentas de conservación. Hai tres anos púxose en marcha o denominado “Plan Píllara” para coordenar e completar os esforzos das administracións autonómicas, local, Costas, Seprona e as ONG interesadas. A SGHN está representada por ornitólogos da delegación de Ferrol.

A complicada bioloxía da especie comeza a primeiros de marzo coa selección de hábitat e emparellamento para poñer, quince días máis tarde, 3 ovos ao longo de 6 días nunha pequena depresión de area sen cobertera en pleno intermareal ou duna gris próxima. A incubación prolóngase durante 24 días, nas que a posta é moi vulnerable aos predadores e uso humano da praia, especialmente cando conleva a compaña de cans. Neste período valórase a situación de cada niño detectado colocando a gardería ambiental, si é preciso, un xaulón con peche lateral e superior, un perímetro de cordón e carteis de aviso. O sistema ven resultando bastante eficaz, ainda que implica un esforzo humano considerable.

Trala eclosión dos polos éntrase nun período moi delicado pois nacen emplumados pero tardan uns 28 días en voar; nesta fase prodúcese unha mortandade importante pois o mecanismo de defensa dos polos, ficar parados na area confiando na críptica plumaxe, provoca moitas perdas por aplastamento ou captura por predadores.

Por estas razóns a productividade media é baixa, tan so chegan a eclosionar o 10% das postas e deles voan tan so un 25%. En 2016 dos 130 polos nacidos voaron 49: 0,6 polos por parella, sendo o ideal 1-1,5; isto da unha idea da dificultade de remontada da poboación galega. A dura primavera de 2018 complicou máis se cabe a situación, os datos que barallamos a día de hoxe son moito peores que os anteriores, polo que hai que facer un esforzo nas semanas que quedan para o axudar ás parellas minimizando o factor humano. Un reto dado o case nulo esforzo e capacidade da maioría dos concellos con “territorio píllara” debido ás escasas plantillas de Policía Local ou ao delexo por enfrontarse con veciños e turistas. A destacar o exemplo positivo do Concello do Grove, cunha implicación e bo facer digna de ser imitada.

Máis información na nova publicada en La Voz de Galicia-Ferrol