Impacto dos eucaliptais nas poboacións de aves no P.N. das Fragas do Eume

A expansión das plantacións de eucalipto no NO da Península Ibérica —que en Galicia xa cobren o 30 % da superficie forestal— ten transformado drasticamente a paisaxe e plantexa serias ameazas para a biodiversidade. Nun recente estudo realizado no Parque Natural dás Fragas do Eume (Galicia), investigadores do Departamento de Zoología, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago analizaron como afectan as características da vexetación á comunidade de aves forestais, comparando 240 parches de bosque autóctono e eucaliptal.

Os resultados son contundentes: as plantacións de eucalipto albergan moitas menos especies e exemplares de aves que os bosques nativos, e o factor máis determinante deste declive é o propio eucalipto, pola súa escasa oferta de alimento e refuxio. Nin sequera os exemplares máis grandes poden substituír o papel ecolóxico das árbores autóctonas maduras.

En base a estes achados os investigadores da USC destacan a urxente necesidade de eliminar e restaurar as plantacións de eucalipto dos espazos protexidos, pois a súa presenza é incompatible coa conservación das aves e da biodiversidade en xeral.

Para as plantacións produtivas o estudo propón unha solución de xestión: incorporar franxas de vexetación libres de eucaliptos dentro das mesmas, onde a vexetación autóctona poida desenvolverse libremente. Isto favorecería a biodiversidade e ao tempo podería mellorar a produtividade forestal grazas ao control biolóxico de pragas por parte das aves insectívoras.

Acceso libre á versión “preprint” do artigo: García-Fernández, F., Vidal, M., Regos, A., Domínguez, J. 2025. Eucalyptus cover as the primary driver of native forest bird reductions: evidence from a stand-scale analysis in NW Iberia. bioRxiv 2025.02.19.639101

Invasión de Eucalyptus na zona do PN das Fragas do Eume queimada en 2012
  • Divulga ti tamén!