Incendios forestais: a xeometría do lume

Tradución do artigo do Presidente de SGHN e Investigador Científico do CSIC publicado no blog do CSIC “Ciencia para levar” o 27/07/2021

Tradicionalmente considerouse que tanto o inicio como a propagación do lume son unha cuestión de triángulos. Para que se inicie un lume son necesarios tres factores: combustible, comburente e fonte de ignición. Os dous primeiros son case omnipresentes en condicións naturais, en forma de vexetación e osíxeno da atmosfera, e o terceiro xorde con frecuencia variable a partir de raios ou erupcións volcánicas, por exemplo. A propagación do lume tamén está controlada por tres factores: o combustible dispoñible, a topografía e as condicións meteorolóxicas (humidade, vento, temperatura).

Sinal estragada por un incendio forestal en Manzaneda (Ourense)

Con todo, con demasiada frecuencia esquécese que desde fai miles de anos aos triángulos anteriores medroulles un ‘cuarto vértice’, que condiciona decisivamente aos outros tres vértices na maior parte do planeta: as actividades humanas. Co dominio do lume os humanos pasamos a ser a principal ‘fonte de ignición’ na natureza. Coa extinción dos mega-herbívoros silvestres en amplísimas zonas (en parte substituídos por gando), a agricultura e certas plantacións forestais masivas –con especies pirófitas de interese económico, como eucaliptos e piñeiros– pasamos a controlar a cantidade e continuidade do combustible, é dicir, as posibilidades de inicio e propagación do lume. Sobre estas posibilidades de inicio e propagación inciden tamén o cambio climático que estamos a provocar e os labores de extinción dos incendios cando e onde nos interesa, mesmo cando estes son naturais. Por último, coa imparable expansión, a miúdo caótica, das áreas urbanizadas e as infraestruturas, metémosnos, literalmente, na ‘boca do lume’ que nós mesmos atizamos. Así, ademais da sexta extinción masiva de especies, a actividade humana está a xerar o que xa se denomina mega-incendios de sexta xeración: humanamente imposibles de apagar; humana e ecoloxicamente devastadores.

Ilustración de Irene Custa (CSIC) para a entrada “Incendios forestales: la geometría del fuego” no blog do CSIC “Ciencia para llevar”.

Os riscos das queimas controladas ou ‘pastorear’ o lume

Chegados a este punto, que podemos facer? Pensando soamente no primeiro dos triángulos mencionados, algúns aseguran que unicamente podemos xestionar o ‘combustible’ e propugnan realizar queimas controladas ou prescritas, ‘pastorear’ o lume. Antes de optar por esta alternativa, convén lembrar que a sabedoría popular advírtenos que, se xogamos con lume, é probable que acabemos queimándonos. Debemos ter presente que tanto as queimas prescritas como os incendios teñen efectos sobre a saúde humana, a economía, a atmosfera, a auga, o solo, a vexetación, a fauna e, mesmo, o patrimonio cultural. Estes efectos poucas veces, ou nunca, son tidos en conta adecuadamente e no seu conxunto.

Como realizar queimas prescritas coas necesarias garantías é laborioso e custoso, con relativa frecuencia fanse mal e afectan a máis superficie da prevista, chegando mesmo a converterse en grandes incendios forestais. Pero, aínda sendo tecnicamente ben realizadas e de baixa severidade, as queimas controladas ou prescritas provocan perdas elevadas de nutrientes e organismos do solo (o que diminúe a súa fertilidade) e reducen a súa capacidade para actuar como unha xigantesca ‘esponxa’ que se empapa cando chove. Grazas a esta función de ‘esponxa’, un solosan e rico en biodiversidade reduce as inundacións e libera lentamente a auga despois, o que reduce as secas.

Ladeiras erosionadas no Macizo Central Ourensán un ano despois do lume de Camba en 2010

Ademais, xa sexa nun incendio forestal ou nunha queima prescrita, a combustión incompleta de materia orgánica dos solos e vexetación xera inevitablemente hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) tóxicos, que a erosión arrastra a encoros e zonas costeiras e que afectan á potabilidade da auga, a riqueza pesqueira e marisqueira, e, unha vez máis, á biodiversidade. As cinzas adoitan tamén conter concentracións demasiado elevadas dalgúns micronutrientes e metais pesados, con riscos aínda non avaliados para os lugares onde se sedimentan.

Sedimentos de cinza na praia de Carnota (A Coruña) despois do lume que arrasou o Pindo en 2013

Pastoreo si, pero de gando extensivo e sostible

Entón, que outras cousas podemos facer? En primeiro lugar, convencernos de que actualmente a figura xeométrica do lume, máis que a un triángulo, aseméllase a un rombo, en cuxo vértice superior está a actividade humana influíndo decisivamente sobre o inicio e a propagación dos incendios. Os datos oficiais indican que o 78% dos incendios en España son de orixe antrópico (queimas deliberadas, accidentes e descoidos). Por tanto, nada conseguiremos se non actuamos sobre a principal ‘fonte de ignición’ nos incendios forestais, grandes e pequenos: a actividade humana.

Píntega común (Salamandra salamandra) calcinada nun incendio en Escairón (Lugo).

Para dificultar a propagación e facilitar a extinción dos incendios debemos actuar sobre a biomasa vexetal, mal chamada combustible: aínda que arde, ninguén no seu san xuízo chama combustible a unha biblioteca, a un retablo barroco ou aos tellados de Notre Dáme. Unha superficie continua de herba seca, matogueira, eucaliptos, piñeiros ou acacias pode facilitar moito a propagación dun incendio. Para reducila, debemos xerar descontinuidades e crear un mosaico de hábitats diferentes que, ademais, é moi beneficioso para a biodiversidade. Para iso dispoñemos basicamente de tres ferramentas: dente, ferro e lume; pastorear, rozar e queimar. Máis aló duns postos de traballo conxunturais, as queimas prescritas e o ‘pastoreo de incendios’ non producen bens ou riqueza e teñen en contra os maiores efectos ambientais. En circunstancias parecidas están as rozas, pero con menor impacto ambiental. E logo está o pastoreo real, trashumante ou con gando en réxime extensivo ou semi-extensivo, é dicir, no que este pasa a maior parte da súa vida en liberdade. Ao suplir aos grandes herbívoros salvaxes que temos decimado ou extinguido, o gando en semi-liberdade controla o crecemento da biomasa vexetal, contribúe a conservar un mosaico diverso de hábitats, xera postos de traballo estruturais, axuda a manter a poboación rural e produce alimentos.

Por todo iso, a solución do grave problema dos incendios forestais no noso país pasa por actuar canto antes sobre as causas de orixe humana, promocionar un pastoreo semi-extensivo ben xestionado e recorrer a rozas mecánicas onde sexa necesario. E só cando o número, extensión, severidade e frecuencia dos incendios sexa máis ou menos natural poderemos expornos non extinguir ou ‘pastorear’ os incendios naturais.

  • Divulga ti tamén!