IX Premio “Garabato” á Conservación do Patrimonio en homenaxe e memoria de Gabriel Barreiro Toural

As Asociacións Culturais ALENTÍA e METÁTESE TEATRO e A ORDE DAS DONAS E CABALEIROS DO PRIORATO DE VILAR DAS DONAS “OS LOBOS” estableceron este premio GARABATO á conservación do noso patrimonio, e determinaron concedelo a aquelas persoas e organizacións ou asociacións que estimen manteñen e coidan, miman, gardan e defenden, e enriquecen, o devandito patrimonio, tanto natural como cultural, na honra e lembranza de Gabriel Barreiro Toural, e dotalo con 1000 euros.


Foi decisión do xurado conceder este IX PREMIO “GARABATO” Á CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO EN HOMENAXE A GABRIEL BARREIRO TOURAL, á SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL. Entre os argumentos empregados polo XURADO destacan:

  1. Un compromiso exemplar coa defensa do patrimonio natural galego. Dende hai máis de 50 anos desenvolve un labor rigoroso e independente, de referencia imprescindible, na protección, conservación e estudo do patrimonio natural de Galicia.
  2. A ciencia ao servizo da sociedade. Investigación, censos de aves acuáticas invernantes, atlas de flora e fauna, estudos de referencia para a comunidade científica e administracións públicas, divulgación … En resumo, a ciencia convertida en instrumento ao servizo do ben común.
  3. Defensa activa do territorio e do medio ambiente. Defensa dos espazos naturais constante fronte ás ameazas ao patrimonio natural, custodia e restauración de ecosistemas, transmisión ás xeracións futuras…
  4. Divulgación e educación ambiental. A través do Museo de Historia Natural de Ferrol, das revistas Braña e Paspallás, cursos, xornadas, exposicións, saídas a campo… Un labor educativo crítico, consciente, respectuoso co medio natural.
  5. Independencia, compromiso e exemplo cívico. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro, con rigor científico, coherente, exemplo de participación cidadá e de responsabilidade colectiva, independente, comprometida coa protección do patrimonio común.

En palabras do xurado

“A Sociedade Galega de Historia Natural representa a unión entre coñecemento, compromiso e responsabilidade. A súa traxectoria demostra que defender a natureza é tamén defender a cultura, a identidade e o futuro de Galicia. Co seu traballo constante, rigoroso e independente, contribuíu a que xeracións de galegas e galegos comprendan mellor o valor do noso patrimonio natural e a necesidade de protexelo. Este premio quere recoñecer unha vida enteira dedicada a coidar aquilo que pertence a todas e todos.”

Ademais de todo isto, que non é pouco e bastaría por si só para facela xa acredora a esta distinción, quixera destacar que nos seus estatutos, no artigo 5, punto 2º, e que traduzo, reza o seguinte: “A lingua de traballo será o galego”. Pois ben, a nosa lingua tamén é patrimonio natural noso, propio, das entrañas.

Á SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL impórtalle a vida que silenciosa flúe ao noso arredor, ou xusto no val que temos aí a ese outro lado, á beira, ou no monte que nos protexe e que cada ano arde coma nunca e coma sempre, e o río e o mar, e o aire, e a lagoa, que ofrecen e entregan a natureza que neles espreguiza e se estarrica; esa natureza da que somos parte e non sempre respectamos, que cómpre deterse e reparar nela e entrarmos calados, sen estorbar, contribuíndo á súa plenitude e conservación, porque tamén é plenitude e conservación humana, gozo e deleite, satisfacción. O respecto e a relación coa natureza, vexetal e animal, a interacción, supón unha dignificación humana e tamén calidade de vida superior. Divulgar é educar e transmitir ás xeracións que tras nosa veñen.

Galiza posúe un patrimonio natural que, como en calquera outro lugar, non é proveito arrasar nin destruír. Debemos mimalo. Nesta sociedade tan inmediata e onde pretenden darnos todo feito sen criterio persoal, onde intereses individuais e capitalistas se apegan coma unha lapa, precísanse entidades e grupos de acción coma este, SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL, que lembren a raíz humana na terra, o carácter social, a harmonía coa natureza, o que somos e a fondura dos pasos que imos dando, a pegada que ao camiñar nos vai sinalando. Sentirse parte construtiva da natureza é outro estado, outra existencia, o mellor xeito de convivir entre nós e con tan rica fauna e flora que nos tocou.

Grazas polo voso labor. Grazas por nos honrardes coa vosa presenza, nesta terra viva e aberta, de natural acolledor.”

O Presidente de SGHN recolleu o premio de máns da nai de Gabriel, Mari Carme Toural.

  • Divulga ti tamén!