Presentación do libro no Auditorio do Museo de Historia Natural de Ferrol. Sábado, 18 de xullo ás 12:00 h
Durante case un milenio, os produtos das baleas alimentaron e vestiron ás persoas, iluminaron cidades, construíron estruturas e mesmo, dunha maneira case que involuntaria, encheron as arcas da Igrexa. A caza deste cetáceo, que comezou no século XI, converteuse nunha industria próspera que finalmente rematou en 1985, tras esquilmar as poboacións de baleas e ser percibida como un salvaxe ataque á natureza.
Este libro, profusamente ilustrado, recompila rutas, vilas e museos especializados de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco, lugares onde se desenvolvía esta actividade e industria. A obra ábrese cunha introdución histórica, afondando naqueles lugares onde aínda sobrevive un rastro claramente visible do seu pasado baleeiro. Desta maneira, o libro non só reconstrúe unha práctica que configurou a identidade dos territorios, senón que tamén ofrece unha perspectiva única sobre lugares cun patrimonio excepcional. E atención, porque é precisamente nesta interesante obra, onde o Museo de Historia Natural da SGHN ocupa un apartado moi relevante!
Àlex Aguilar é profesor na Universidade de Barcelona. Entre 1978 e 1985, traballou en estacións baleeiras galegas para completar a súa tese doutoral sobre o rorcual común. Formou parte do Comité Científico da Comisión Baleeira Internacional e investigou a caza de baleas no Atlántico Sur, Islandia, Groenlandia e Illas Feroe. É o autor de “Chimán. A caza de baleas moderna na península ibérica” (Edicións UB, 2013), un compendio histórico desta actividade durante o século XX.
Max Aguilar estudou fotografía e traballou como fotógrafo, mesmo durante un tempo a bordo de barcos pesqueiros. As súas viaxes á costa cantábrica, o estudo de fontes históricas e as entrevistas con expertos e xente do lugar permitíronlle construír unha sólida base documental para este traballo.

As actividades do Museo de Historia Natural son posibles grazas ás cotas das persoas socias da SGHN, ás doas do público visitante do museo, e a un convenio de colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol.

