“Galicia é unha mina”
Si, “Galicia é unha mina” é o que di a páxina web da Consellería de Economía e Industria ao premer no vínculo “Minería de Galicia” dentro do recadro da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (http://economiaeindustria.xunta.es/portada).
Quizais así, ao empregalo como lema, dita Dirección Xeral pretenda facer pasar desapercibidas as tremendas cicatrices das explotacións mineiras por toda Galicia. Valga como exemplo a imaxe da mina de estaño de Penouta abandonada en 1985 sen facer ningún tipo de restauración ambiental polo que, 27 anos despois, a ferida de 184,2 ha (uns 250 campos de fútbol) é ben visible nas fotos do SIGPAC.

Proxecto de reprocesado dos estériles
Pois agora unha empresa canadiana, Pacific Strategic Minerals, quere reprocesar os materiais contidos nas vellas escombreiras e balsas mineiras para aproveitar mellor o mineral de estaño que ainda conteñen e, sobre todo, para extraer a tantalita, o mineral que contén o valioso tantalio (192 €/kg o “concentrado” de mineral) imprescindible para a industria electrónica. Aseguran tamén que aproveitarán caolíns e feldespatos, polo que reducirían nun 40% o volume actual das escombreiras e balsas mineiras (máis de 13 millóns de toneladas). E todo iso a un ritmo de 3.000 toneladas/día, durante case 15 anos), sen empregar produtos químicos, tan só mediante trituración, seguida de separación densimétrica e magnética.
Reprocesar e aproveitar uns estériles de mina semella unha boa idea, pero neste caso, parafraseando un conocido dito, pode que “non sexa tantalio todo o que reluce” pois:
- Algúns detalles amosan pouco rigor e seriedade por parte da empresa mineira:
- No apartado ambiental “esquécese” de nomear as Directivas Hábitat (Directiva 92/43/CEE), Aves (Directiva 2009/147/CE) e Auga (Directiva 2000/60/CE), ademais do Plan Hidrolóxico da Demarcación Miño-Sil.
- Na páxina 29 do proxecto indíca que “se espera a creación de aproximadamente 100 postos de traballo directos e 500 indirectos, é dicir, xeraríanse 600 novos postos de traballo ao redor desta industria” pero na táboa detallada da pax. 48 só constan 70 postos de traballo directos.
- O LIC e a ZEPA de Pena Trevinca chegan ao bordo mesmo da explotación mineira polo NE e SE.
Peticións de SGHN á D.X. de Industria, Enerxía e Minas
- Que, ao non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no Artigo 6 da Directiva 92/43/CEE e no Artigo 45.6 da Ley 42/2007, non se autorice a afección sobre hábitats de conservación prioritaria na UE Directiva 92/43/CEE), especies incluidas no Anexo II da Ley 42/2007 e zonas da Rede Natura 2000 e as previstas para a súa ampliación.
- Que se extremen as medidas para evitar as afeccións do proxecto sobre hábitats de interese comunitario (Directiva 92/43/CEE) e as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves (Directiva 2009/147/CE), nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, Decreto 167/2011) presentes na zona.
- Que se inclúan no proxecto todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos Plans de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.
- Que, á vista da nula restauración ambiental feita ao rematar a anterior explotación deste xacemento e ao tratarse agora dunha multinacional con sede fóra da UE, a Xunta de Galicia esixa un aval a Pacific Estrategic Minerals polo importe estimado para a axeitada restauración ambiental da área afectada polo proxecto mineiro.
- Que no proxecto de “recuperación” da zona se contemple o aproveitamento das paredes verticais resultantes da extracción da pedra para practicar varios ocos, aproveitando as fendas da pedra, a unha distancia non inferior a dous metros da cota superior e distanciadas entre os ocos alomenos dez metros para favorecer a colonización de aves como Corvus corax, Falco tinnunculus e Falco peregrinus, especies que en Galicia aproveitan as paredes das canteiras abandoadas. Ao respecto debera contemplarse a información científica dispoñible [Castillo, I., Elorriaga, J., Zuberogoitia, I., Azkona, A., Hidalgo, S., Astorkia, L., Iraeta, A. e Rúiz, F. (2008). Importancia de las canteras sobre las aves rupícolas y problemas derivados de su gestión. Ardeola 55, 103-110].
- Que cando se proceda á aú restruturación, se prevea a conformación de cuncas de extracción menores dun metro para a formación de charcas, cunha pendente non maior a 30º dende a beira ó centro da cunca para favorecer o asentamento de vexetación hidrófila e a colonización natural de anfibios.
- Que baixo ningún concepto se inclúan especies vexetais alóctonas no proxecto de recuperación e se empreguen especies que teñan certificada a súa procedencia xenética en poboacións galaicas, ó obxecto de evitar a contaminación xenética das poboacións autóctonas.