O próximo “caso As Conchas” podería ser no “Miño Alto”

Aprenderán as “autoridades competentes” dos erros do último cuarto de século?

En abril de 1998 saíron a información pública no BOP de Ourense as solicitudes de COREN para instalar unha explotación de 300.000 polos de engorde e outra para ceba de 5.000 porcos no corazón da antiga lagoa de Antela.

SGHN alertou dos riscos de “contaminación producida por nitratos e a conseguinte perda da potabilidade das augas e a eutrofización dos cursos e masas acuáticas”. As autoridades “competentes” advertidas (Concello de Sarreaus e Confederación Hidrográfica) nin siquera respostaron.

Hai case 20 anos, as analíticas oficiais xa indicaban un grave deterioro das augas do Limia, que presentaban niveis moi elevados de bacterias fecais, nitritos e fósforo, e moi baixos de osíxeno disolto, atribuídos sen dúbida a unha contaminación agro-gandeira difusa (“Estudo Hidrolóxico – Ambiental de A Limia”, Confederación Hidrográfica, 2007).

En canto SGHN tivo acceso a dita información oficial e pública comezou a solicitar sistemáticamente “unha moratoria no trámite de solicitudes de instalación ou ampliación de explotacións gandeiras estabuladas na chaira limiá ata que se avalíen os efectos sinérxicos e acumulativos das xa existentes sobre os valores hidrolóxicos, botánicos e faunísticos da Limia”.

De nada serviron as 84 advertencias ou denuncias de SGHN, ata que en 2025 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou no xa internacionalmente coñecido “caso As Conchas” á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica por vulneración dos dereitos fundamentais dos veciños e impuso legalmente unha moratoria á instalación de novas granxas ou ampliación das existentes.

Lamentablemente, a contaminación na actualidade e moito máis grave e difícil de resolver que cando SGHN comezou a alertar do problema, e as augas na cabeceira do Limia seguramente tardarán décadas en estar limpas de novo.

Qué está a acontecer no “Miño Alto”?

Dende hai máis de vinte anos, SGHN é unha das entidades consultadas pola Xunta de Galicia durante a tramitación de todo tipo de proxectos públicos e privados, incluídos os de instalación de novas granxas e os de ampliación ou “legalización” das existentes. Ata hai pouco, as peticións de SGHN eran sempre as mesmas:

  • Que non se autorice o proxecto si no concello o balance de nitróxeno excede o promedio de Galicia (~41 kg N/ha/ano) ou a concentración de nitratos nas aguas aumentou máis de 5 mg/l nos últimos 4 anos.
  • Que nas augas dos pozos da contorna se esixan análises químicas (alomenos amonio, nitratos e fósforo) e microbiolóxicas (alomenos coliformes totais e fecais, Clostridium) feitas por laboratorio acreditado antes da autorización e anualmente despois.
  • Que a documentación relativa aos predios onde se aplicarían os residuos como abono orgánico demostre que:
    • O promotor é o propietario ou ten autorización válida do seu propietario, incluido, de ser o caso, a comunidade de montes veciñais en mán común.
    • Non constan como superficie agraria útil para aplicar abonos orgánicos doutras granxas.
    • Son axeitados para o abonado orgánico segundo o Código Galego de Boas Prácticas Agrarias.
    • Non inclúen hábitats de conservación prioritaria na UE (Directiva 92/43/CEE) e, no caso de incluir hábitats de interese segundo a devandita Directiva, a aplicación dos abonos orgánicos se fará conforme ás normas de xestión para garantir a súa conservación.
    • Non inclúen hábitats de especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas ou, de ser o caso, que os abonos orgánicos se aplicarán conforme ás normas dos respectivos Plans de Conservación (especies vulnerables) ou Recuperación (especies en perigo de extinción), elaborados ou en elaboración.
    • O aumento na relación UGM/ SAU polo proxecto non conleve que se exceda a carga gandeira recomendada pola UE no polígono no que se sitúan os predios.

Pero as estatísticas das peticións de información recibidas veñen de facer saltar as alarmas en SGHN, que agora inclúe unha demanda adicional no caso de granxas na provincia de Lugo:

  • Que, para evitar outro “caso Limia” de grave contaminación difusa das augas superficiais e subterráneas, se controle o crecemento de novas granxas ou ampliacións no sistema de explotación Miño Alto, que concentra o 77% das instalacións gandeiras sometidas a información pública en Galicia nos últimos 3 anos (125 de 162).

Os seguintes mapas reflicten os excedentes de nitróxeno e fósforo (responsables da contaminación por nitratos e/ou a eutrofización das augas) debidos á contaminación difusa pola gandería estabulada e non estabulada (ollo ás escalas, que son diferentes). Nos mapas orixinais publicados do vixente plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Miño-Sil 2022-27 aprobado polo Real Decreto 35/2023, SGHN unicamente salientou en azul os sistemas de explotación “Miño Alto” e “Limia” para facilitar a comparación visual. Ao basearse en datos de 2022 (ou anteriores), loxicamente os mapas non inclúen o incremento de presión gandeira difusa debido ás 125 novas granxas ou ampliacións das existentes proxectadas nos últimos tres anos no “Miño Alto”.

Excedente de nitróxeno por gandería non estabulada
Excedente de nitróxeno por gandería estabulada

Excedente de fósforo por gandería non estabulada
Excedente de fósforo por gandería estabulada

SGHN ven de advertir deste risco ás autoridades “competentes”: a Consellería de Medio Rural, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Pola saúde da cidadanía e o medio ambiente do “Miño Alto”, agardemos que non haxa que esperar un cuarto de século a que outra sentenza condenatoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lles diga o que teñen que facer.

  • Divulga ti tamén!