Onte saltou aos medios de comunicación que George Salamis, máximo directivo da mineira Edgewater Exploration que pretendía explotar a mina de ouro en Corcoesto, insinúa que a decisión da Xunta de Galicia de paralizar o proxecto non se tería producido se a empresa houbese aceptado as ofertas de “axuda” de “amigos do presidente” que “xeneralmente quere decir dólares nunha maleta”. O texto está extraído dun correo electrónico do propio George Salamis que se inclúe na demanda contra a Xunta de Galicia presentada pola mineira na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (P.O. 7382/2014 S).
Sexa ou non auténtico o correo electrónico, e verídicas ou non as insinuacións de corrupción e tráfico de influencias que nel se fan, a demanda de Edgewater é un ataque frontal contra a decisión da Xunta de Galicia de paralizar o proxecto que, fose tomada por decisións “escuras” como agora se insinúa ou pola enorme presión social na súa contra, foi unha decisión moi acertada dende os puntos de vista sanitario, social, económico e ambiental. Parafraseando a un moi coñecido premio Nobel, podemos afirmar que neste caso “a Xunta escribiu recto en renglóns torcidos”.
Informes da Xunta sobre a mina de Corcoesto
SGHN descoñece se houbo ou non “renglóns torcidos” na paralización do proxecto pola Xunta de Galicia, pero houbo sen dúbida algunha “renglóns torcidos” na tramitación ambiental do proxecto e na Declaración de Impacto Ambiental favorable aos intereses de explotar a mina de ouro de Corcoesto. Dende hai xa tempo obran en poder de SGHN documentos sobre os “renglóns torcidos ambientais” do proxecto mineiro de Corcoesto. Como o proxecto estaba paralizado, SGHN considerou oportuno gardalos por se fixesen falta, pois é frecuente que as ameazas ambientais como a de Corcoesto reaparezan cíclicamente.
Reaparecida a ameaza da mina de Corcoesto coa demanda de Edgewater Exploration, e por se considera oportuno incluilos na tramitación da demanda, SGHN ven de remitir ao Presidente da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia os “papeis de Corcoesto” que revelan os “renglóns torcidos” cos que a Xunta de Galicia escribiu a tramitación ambiental do proxecto de mina de ouro de Corcoesto.
Dous anos para conseguir os “papeis de Corcoesto”
Con 21 meses de retraso sobre o prazo legal que tiña para facelo, e despois de que o Valedor do Pobo (Valedor 1) dese amparo á petición feita por SGHN o 17-04-2013 (PDF) e lle reclamase resposta en dúas ocasións (Valedor 2, Valedor 3), finalmente o 09-02-2015 a D.X. de Conservación da Natureza facilitou a SGHN a información que solicitara: “copia de todos os informes elaborados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Santiago de Compostela) e o Servizo de Conservación da Natureza (A Coruña) a petición da Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental en relación co proxecto de mina de ouro de Corcoesto.”
- Documento titulado “Remisión información dos valores naturais” asinado o 18-07-2012 polo enxeñeiro de montes José J. Martel Muñoz-Cobos e o Xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Delegación Territorial da Coruña, Carlos G. Muñoz Martínez (PDF).
- Documento titulado “Solicitude de información complementaria” que o Xefe do Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas da CMATI envía con data 23-08-2012 ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña para que “precise as afeccións, tanto directas como indirectas, que os diferentes procesos que se leven a cabo na explotación poidan producir sobre os valores naturais” (PDF).
- Documento titulado “Remisión de informe” con data de 24-09-2012 e asinado exclusivamente polo Xefe do Servizo de Conservación da Natureza da Delegación Territorial da Coruña, Carlos G. Muñoz Martínez (PDF), [involucrado con posterioridade nunha investigación da Fiscalía de Medio Ambiente e o SEPRONA por emisión masiva de licencias de caza falsas (unha das cales estaría ao seu propio nome) polo Servizo de Conservación que dirixía].
- Documento da DXCN con data 24-10-2012 titulado “Informe emitido por esta Dirección Xeral relativo ao proxecto Concesión de explotación Emilita Nº 1221, Ciudad de Landró Nº 1454, e Ciudad de Masma Nº 1445 que forman o Grupo Mineiro Corcoesto” (PDF).
Informe complementario que non complementa nada
A análise desa información revela que o suposto informe complementario non engade nada, senon que nel “desaparecen” afeccións ambientais salientadas no primeiro informe e se “minimizan” outras.
Afeccións á rede fluvial
- Pásase de afirmar que “o proxecto afecta ao LIC Río Anllons, ES 110065, xa que todalas augas verten neste río” a dicir que “o proxecto desenvólvese fóra do ámbito do espazo natural protexido”.
- A afirmación de que as actividades mineiras proxectadas “constituien riscos evidentes de producir danos de moi dificil reparación no LIC Río Anllons (ES 110065) e o LIC Costa da Morte (ES1110005) e nos valores ambientais da comarca”, que aparecía resaltada con cursiva e subliñado no primeiro informe, suavízase en que “sempre existen riscos de accidentes que poden ter notables repercusións no medio natural”.
- O feito de que no treito duns 2700 m do Rego Lourido que se pretendía desviar “existen especies do habitat de interese comunitario 91E0*” (realmente un hábitat de conservación prioritaria na UE) minimízase dicindo que “non son formacións moi representativas” e que ten “vexetación de ribeira escasa e pouco representativa”.
- Curiosamente, o informe complementario despois de afirmar que o Rego Lourido non ten fauna piscícola mantén no condicionado a medida complementaria de “construcción de frezaderos adecuados para as especies inventariadas nos ríos da zona” establecida no primeiro informe que indicaba que “o desvío do Rego Lourido deberíase facer fora das épocas de freza e cría das especies piscícolas”
Afeccións a hábitats prioritarios
- O informe complementario admite que haberá unha destrucción dun hábitat de conservación prioritaria na UE (91E0*) pero confórmase con indicar que “o plan de restauración deberá contemplar medidas compensatorias”, nunha flagrante violación do Artigo 6 da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e do Artigo 45.6 da Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, que só admiten a destrucción de hábitats de conservación prioritaria por “consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública … ou ben, previa consulta á Comisión, outras razóns imperiosas de interese público de primeiro orden” que non é o caso do proxecto mineiro de Corcoesto.
- No informe complementario desaparece:
- A obxección do primeiro informe de que “na balsa de lodos de lixiviación, non se estima a vida útil do encapsulamento planificado, nin se prevé un plan de seguimento e vixilancia da misma”.
- A recomendación do primeiro informe de que “dadas as características deste proxecto deberíase realizar tanto o estudo (refírese á análise de riscos medioambientais) como a constitución da garantía (fronte a posibles danos) … e suscribir unha póliza de seguro ambiental adecuada”.
Condicionado ambiental mutilado
Máis aló das observacións e condicións “desaparecidas” xa entre o primeiro informe e os dous seguintes, cumpre suliñar que en contra das demandas unánimes e reiteradas dos técnicos e os máximos dirixentes da D.X. de Conservación da Natureza, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental non inclúe dúas condicións ambientalmente decisivas na Declaración de Impacto Ambiental positiva para a mina de ouro de Corcoesto, tramitada nun prazo récord sen precedentes:
- A obriga de “instalar medidores automáticos dos parámetros fundamentais da calidade das augas (ph, osíxeno disolto, turbidez, …) en todos os puntos de vertido de augas, con toma continua de datos e publicación a tempo real mediante páxina web” co fin de que as augas cumplan en todo momento a calidade esixible as augas continentais,
- A necesidade de “que o estudo de impacto ambiental debería completarse cunha análise específica dos riscos de contaminación accidental, con base nas experiencias acumuladas noutras explotacións semellantes nas que o medio acuático resultou gravemente contaminado por cianuro. Esta análise, de ser o caso, debería ser completada cos plans de continxencias necesarios para protexer o curso principal do Río Antlóns e mesmo a Ría de Corme e Laxe”.
Trato discriminatorio, pero a favor
Á vista do ata agora indicado de existir “una actuación absolutamente arbitraria, injustificada y, que desde luego, rompe el principio de no discriminación e igualdad de todos ante la Ley” como afirma Edgewater-Mineira de Corcoesto no Recurso Contencioso-Administrativo que ven de plantexar diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non sería unha discriminación contra dita empresa senón ao contrario un claro trato de favor.
Por iso, SGHN ven de solicitar ao Presidente da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG (PDF) que teña a ben admitir a devandita documentación ambiental e que o TSXG DESESTIME totalmente as demandas plantexadas no Recurso Contencioso Administrativo presentado o 11-03-2016 por Mineira de Corcoesto, S.L.U. contra ”a resolución ditada o 11 de marzo de 2014 polo Director Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria pola que se acorda denegar a aprobación do proxecto de explotación de ouro na mina de Corcoesto” e, polo tanto, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia:
- NON anule a resolución recurrida por non ser conforme a dereito.
- NON declare aprobado por silencio administrativo positivo o proxecto mineiro de Corcoesto.
- NON condene á Xunta de Galicia a aprobar o proxecto mineiro de Corcoesto.
- NON declare conculcada a doctrina de actos propios e da confianza lexítima e NON condene á Xunta de Galicia a indemnizar a Mineira de Corcoesto, S.L.U. por danos e perxuizos.
- Condene a Mineira de Corcoesto, S.L.U. ao pago das costas procesais.