Resposta de SGHN ao Sr. Arnau, enxeñeiro de Paratermo Energía, SL

No “Buzón del lector” de La Voz de Galicia do pasado 31 de marzo inclúese unha carta de D. José Ramon Álvarez Arnau na que critica as alegacións de SGHN (publicadas previamente no mesmo xornal) á planta de metanol que Paratermo Energía SL quere facer en Viana do Bolo e da cal é o Enxeñeiro Industrial redactor do estudo.

Non é intención de SGHN polemizar co Sr. Arnau, pero, ao abeiro do dereito de réplica, solicitou a publicación da presente resposta pois consideramos imprescindible aclarar algunhas das súas afirmacións e desmentir algunha falsidade.

As alegacións de SGHN sempre van asinadas

Os autores do escrito sobre a planta de metanol non se agochan detrás das siglas de SGHN pois, coma sempre, as alegacións de SGHN van asinadas por algún dos seus directivos e representantes legais, neste caso polo seu Presidente. A comprobación é moi doada pois dende a súa presentación o escrito escaneado pódese descargar libremente nesta web de SGHN pero, ademais, o Sr. Arnau debera saber que conforme á Lei de Procedemento Administrativo ningún rexistro oficial acepta a presentación de escritos que non estean asinados.

Os solos teñen tres dimensións

Equívocase doblemente o Sr. Arnau coa súa “lección maxistral” ao afirmar que o autor “carece de conocimientos de unidades de medida del suelo, ya que el suelo se mide en unidades de superficie y no de volumen”.

En primeiro lugar, o Sr. Arnau confúndese de “alumnos” pois no escrito de SGHN dise textualmente que “na provincia de Ourense hai dispoñibles máis de 250.000 m2 de solo industrial”.

En segundo lugar, xunto con expertos en botánica e zooloxía, un dos autores do escrito é casualmente un científico especializado no estudo dos solos, os cales, Sr. Arnau, se miden en unidades de superficie, pero tamén de lonxitude (a profundidade ou espesor) e, xa que logo, de volumen, de masa ou de densidade. Para non estendernos demasiado, recomendamos ao Sr. Arnau que teclee en internet “Ano Internacional dos Solos” ou “Día Internacional dos Solos” e, a partires desas iniciativas da ONU e da FAO en 2015, poderá aprender que o solo é bastante máis que unha superficie sobre a que construir un dos seus proxectos.

Sobre a ubicación e impactos do proxecto

Certo é que, igual que uns aeroxeneradores, nun solo rústico poderían instalarse uns paraboloides para enerxía solar, pero NON unha planta industrial para producir metanol como o Sr. Arnau pretende facer entender.

Nas súas alegacións, SGHN non fala da integración paisaxística do proxecto nas aldeas vianesas, como afirma o Sr. Arnau, senón da imposible integración da planta industrial na paisaxe da zona.

Os trens seguen a pasar pola estación de Venda da Capela (Vilariño de Conso), pero NON paran nela pois NON está en servizo como pode comprobar o Sr Arnau na web de RENFE se intenta mercar un billete con ese destino.

Nada di o Sr. Arnau respecto aos gravísimos impactos que tería a planta de metanol sobre os espazos naturais protexidos e as especies en perigo de extinción da zona. Entendemos que non ten argumentos para rebater os expostos por SGHN nas súas alegacións.