Tramitación ambiental
No DOG nº 70, do 13-04-2020, someteuse a información pública a tramitación da autorización ambiental integrada (AAI) da “Planta de tratamento de residuos non perigosos (RNP) Sarreaus” (Ourense) solicitada por Unión de Inversiones Miño, S.A. Esta empresa do grupo COREN pretende reformar e reabrir o “Centro Tecnolóxico Medioambiental” que no seu momento xestionaba Gallega de Residuos Ganaderos, SA., propiedade asimesmo de COREN e a Corporación Caixa Galicia.
Eivas ambientais e sanitarias do proxecto
Execución “precipitada”?
Pola redacción e as fotografías dos documentos dispoñibles para información pública, semella que o proxecto xa estaba polo menos parcialmente executado antes da súa tramitación. Debido ao confinamento polo decreto do estado de alarma, ningún equipo de SGHN puido achegarse aínda á zona para comprobar a situación actual, pero á SGHN cónstalle que no lugar había un guindastre instalado alomenos dende decembro de 2019.
Zona de máximo risco de asolagamento
A totalidade das instalacións existentes que se pretenden reformar e das novas instalacións da planta de compostaxe se atopan dentro dunha das zonas con maior risco de inundación da chaira limiá e toda a Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil. A finais dos anos 90, cando se proxectaron as granxas industriais avícolas e de porcino de COREN nesa mesma parcela e as adxacentes, SGHN xa alertou do risco de inundación e dos efectos negativos que un evento deste tipo podería ter para a calidade das augas. A planta de procesamento de puríns (“Centro Tecnolóxico Medioambiental”), inaugurada en 2007 e que agora se prentende reabrir, xa incrementou o risco de impactos negativos sobre a calidade das augas en caso de inundación, risco que se agravaría aínda máis coa instalación dunha planta de compostaxe de residuos gandeiros.
Incumprimento dos requisitos legais
Segundo a documentación recibida, ademais de non avaliar as emisións anuais de amoníaco e gases de efecto invernadoiro (metano, óxidos de nitróxeno), o proxecto carece de sistemas que permitan controlar:
- As temperaturas durante a compostaxe para garantir os requisitos mínimos de quentamento (70 ºC durante 1 hora) establecidos polo Regulamento (UE) nº 142/2011.
- O cumprimento da norma microbiolóxica establecida para os composts polo Regulamento (UE) nº 142/2011.
- A trazabilidade dos produtos procesados na planta de valorización nin o destino dos productos trasformados.
Por último, as instalacións proxectadas non respectan a distancia mínima legal de 500 m (R.D. 1084/2005, R.D. 306/2020) ás explotacións gandeiras máis próximas, tamén propiedade do grupo COREN.
Peticións de SGHN
- Que a D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático verifique de inmediato si COREN realizou ou non sen o permiso preceptivo actuacións suxeitas á avaliación ambiental e, de ser o caso, actúe contra os responsables conforme ao establecido na lexislación vixente autonómica, estatal e europea.
- Que a D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático e a D.X. de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias NON autoricen o proxecto por NON cumplir os requisitos establecidos na lexislación vixente sobre este tipo de instalacións [Regulamento (UE) nº 142/2011; Real Decreto 1084/2005; Real Decreto 306/2020].
- Que a D.X. de Calidade Ambiental e Cambio Climático NON autorice este tipo de instalacións dentro da zona de risco de inundación cun periodo de retorno de 10 anos.