Problemas medioambientais na provincia de Ourense

¿Dende cando a SGHN ten presencia en Ourense?

O GOG-SGHN, creado en 1973, é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España; en Ourense, a SGHN ten representación dende 1980 coa SGHN-Delegación Ourense.

¿Cales son os seus principais obxectivos?

As liñas xerais de actuación son os obxectivos fundacionais da SGHN, tanto en Ourense coma no resto de Galicia: estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural.

Sen esquencer o estudo (Censos Aves Acuáticas, Atlas Vertebrados, …) e a divulgación (saídas, cursos, …), nos últimos anos incrementouse notablemente o traballo de participación nos procesos de avaliación de impacto ambiental de proxectos moi variados (infraestruturas, enerxía, industria, …), a intervención activa nos procesos de elaboración de normas ambientais (Lei de caza, Lei de Montes, Rede Natura 2000, …), a participación activa en comités específicos (Caza, Pesca, Consello da Auga, …) e mesmo a denuncia de agresións ao medio ambiente ante a proliferación de actividades que moitas veces incumplen de xeito flagrante a legalidade vixente.

¿Como califica a SGHN a situación ambiental na provincia de Ourense?

A provincia de Ourense posúe, aínda, un altísimo potencial de desenvolvemento baseado na conservación e valoración da súa biodiversidade e paisaxe, de feito, conta con tres (Serra da Enciña da Lastra, Baixa Limia-Serra do Xurés e O invernadeiro) dos sete Parques Naturais de Galicia que suman máis de 38.000 ha., dúas Reservas da Biosfera (Terras de Allariz e Xurés-Gêrés) e 3 das 14 ZEPAs (Trevinca, A Limia, Baixa Limia-Xurés).Lamentablemente, e en xeral, a conservación destes espazos queda no papel e o seu estado empeora día a día. Hai moito por facer, incluíndo que todos recoñezamos e saibamos valorar o noso patrimonio natural estea ou non legalmente protexido.

Imaxe: fotografía de Pena Falcoeira salvada da destrución por unha canteira de caliza e hoxe no corazón do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra.

¿Cales son os principais problemas da provincia en canto ao coidado do medio ambiente?

A problemática ambiental é múltiple e complexa; nunca son casos exclusivamente ambientais senón que se relacionan íntimamente con calquera outro problema da vida, tecendo unha rede que, se non somos quen de rachar, hanos levar á deriva. Os máis dos casos teñen a mesma orixe: o incumprimento das leis, ben polas propias Administracións ou pola cidadanía en xeral.

Para dar algún exemplo concreto, pola súa extensión no espacio e no tempo, destacariamos a problemática dos incendiarios forestais, xa que os múltiples e reiterados lumes afectan gravemente a todos os elementos do entorno incluso, desgraciadamente, levan por diante vidas humanas. Non podemos esquecer tampouco a presión sobre os espacios naturais das infraestruturas, a minería, as industrias enerxéticas, os residuos, os cazadores, o tránsito de vehículos sen control, etc., o progresivo e galopante empeoramento das augas, o declive de especies autóctonas acompañado do incremento das especies invasoras, ou mesmo a pasividade das administracións ante feitos realmente graves e con serias repercusións sobre o noso entorno. Incluso os espazos naturais de alto valor saen bastante mal parados, ademais a proposta galega para a rede Natura 2000 é manifestamente insuficiente e esquece novamente algúns dos espacios máis sobranceiros de Ourense (río Mente, A Limia, Támega,…)

Imaxe: fotografía do SIGPAC do pobo de Casaio (rectángulo) e das louseiras.

¿Existe na provincia conciencia ambiental por parte da cidadanía?, ¿e dos políticos?

En canto á cidadanía pensamos que si hai coñecemento de que a natureza está a ser agredida, calquera a quen lle preguntes pode falar de ríos ou encoros nos que antes se bañaba ou pescaba e hoxe están sen auga ou contaminados, de fontes nas que xa non pode beber, de leiras abandonadas onde medran os montóns de lixo, de fermosas árbores taladas para facer paseos fluviais ou outras infraestruturas (AVE), do lume que todos os anos arrasa as serras ourensás, etc. Aínda así, consideramos que non existe unha verdadeira conciencia da dimensión real dos danos, no senso de que a nosa supervivencia e benestar están en relación có coidado da natureza, entendendo o mundo como un todo.

Nós cremos firmemente que as “cousas boas” non van estar sempre aí sen máis.Todos sabemos que para conservar as cousas é imprescindible coidalas e que, ademais, se queremos melloralas teremos que actuar; falta na nosa sociedade esa conciencia e ese respeto e, como consecuencia, pasar á acción na protección da Terra. Os múltiples problemas cotiáns non nos deben facer esquecer que sen Terra non hai futuro, non podemos ser unha sociedade tan torpe e irresponsable que deixe aos nenos e nenas galegas un legado inerte e sen esperanza. En resumo, o que vemos é que cada vez se fala máis de que hai que conservar a natureza, de que hai que coidar os ríos, do bonitos que son os bosques, etc., pero esto aínda non se traduciu nun cambio nos comportamentos da xente.

No caso dos políticos as súas actitudes e comportamentos deberan ser exemplarizantes, deberan ir un paso por diante do resto da sociedade pero, desgraciadamente, moitas veces van un, ou varios, pasos por detrás. A súa responsabilidade é maior pois teñen as competencias legais, e reciben os seus salarios, para aportar solucións e dar exemplo no cumprimento da legalidade vixente. Cando non o fan, deixan de lado os seus deberes e creban a confianza que depositamos neles.

A conservación e mellora do noso entorno e a nosa vida é, pois, responsabilidade e tarefa de todos os cidadáns que, ademais, deben pedir contas aos seus dirixentes. É impensable que uns poucos “¿tolos?” sexamos quen de mudar as cousas, nin esteamos sempre sinalando có dedo e tentando arranxar as incontables desfeitas no “noso fogar” común.

A situación dos ríos é un dos temas ambientais máis preocupantes na provincia, ¿como se ven dende a SGHN?, ¿existe solución á problemática actual?

Os ríos, a auga en definitiva, é un ben indispensable para a vida que está sendo gravemente maltratado na súa cantidade e calidade. E non é porque non existan normas de protección das augas; de novo, o incumprimento das leis e a falta dunha conciencia dos efectos a longo prazo sobre o propio ser humano están na base da degradación das augas. De feito, a sanción a España en 2011 por incumprimento da directiva comunitaria de augas tivo como responsable a Galicia, co 41% das súas vilas coas augas sen depurar; asimesmo, todos os humedais do interior inventariados en Galicia, ecosistemas sumamente valiosos, carecen de protección efectiva, así como de plans de uso e xestión e presentan importantes problemas de degradación por drenaxes, acumulación de lixo e verteduras contaminantes.

Na páxina web da SGHN, todos os días 5 de cada mes (en alusión ao 5 de xuño, día do Medio Ambiente) colgamos unha reseña que pretende resaltar os problemas do noso medio natural e que nos anima a traballar pola conservación todos os días do ano. Precisamente, o tema do mes de agosto é a auga e na entrada da web enuméranse as fortes presións que están a recibir os ecosistemas acuáticos: aproveitamento hidroeléctrico abusivo, extracción excesiva de augas para regadío, despilfarro de auga para uso doméstico e industrial, depuración insuficiente, contaminación agro-gandeira (con efectos visibles sobre os encoros: As Conchas, Cachamuiña), construcción de infraestruturas innecesarias e perxudiciais (paseos fluviais, portos deportivos, canles), carencia de plans de xestión de humedais, introdución de especies exóticas invasoras (caranguexo vermello, visón americano, blackbass, carpas), efectos directos e indirectos dos lumes sobre a cantidade e a calidade das augas, etc.

Como salientamos “é imprescindíble unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos para mellorar a calidade ecolóxica das augas continentais e litorais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración” e é responsabilidade de todos, Administración e cidadanía, o uso sustentable deste fluido vital.

Extracto da entrevista publicada o 19-08-2012 en La Voz de Galicia, edición de Ourense, dispoñible na Voz de Galicia